Prezada alcaldesa:
Quero compartir contigo a miña preocupación, e a de toda a Marea Atlántica, pola situación na que o Concello da Coruña está a comezar o ano 2021: sen uns orzamentos adaptados á realidade, e sen unhas modificacións mínimas para parchear unhas contas elaboradas en 2019, antes da irrupción da pandemia que trastocou as nosas vidas.
A día de hoxe, xa ben entrado o mes de febreiro, o Concello non resolveu nin o apoio ás entidades do terceiro sector, nin o novo plan de reactivación económica, nin a resposta a novas necesidades derivadas desta durísima emerxencia no eido da atención ás persoas. Non só non se perciben avances, senón que nin sequera coñecemos borradores das propostas do goberno. Na Marea Atlántica cremos, honestamente, que esta situación é anómala e gravísima, e que o traballo do teu goberno debe centrarse en resolver estes problemas canto antes.
O 1 de xaneiro caducaron todos os convenios municipais coas entidades sociais, deportivas, culturais e veciñais da Coruña. Asociacións que fan un traballo xeneroso e que chegan onde non poden chegar as institucións, e que agora mesmo viven na incerteza absoluta. Xusto cando o seu labor é máis complicado por mor da pandemia, non saben se contarán con axuda nin cando a poderán recibir. Cada vez que se lle pregunta, o portavoz do seu goberno promete que o problema está case resolto, pero o certo é que os prazos se incumpren sistematicamente e a data de hoxe non coñecemos sequera unha proposta inicial.
O retraso co que o goberno está a abordar a renovación dos convenios tamén se lle aplica ao novo plan de choque fronte a pandemia. Por máis que se anuncia, non da avanzado. Da experiencia do ano pasado, o goberno local debería ter aprendido que un dos principais problemas foi a tardanza na chegada das axudas aos seus destinatarios. Aínda están sendo abonadas as do primeiro plan, que aprobamos en xuño todos os grupos deste Concello. Polo ben da cidade, debo pedirche que tomedes en serio esta tarefa e centredes nela todos os esforzos posibles.
En xaneiro tiñamos 16.900 persoas en paro na Coruña, un 19% máis que o ano anterior. Os datos do INE amosan unha tremenda destrución de empresas e negocios. O Concello ten que estar á altura e saír ao rescate de pemes e autónomos. E tenderlle a man, desde a xustiza social, a todas as persoas que están a quedar sen o seu xeito de gañar a vida. Precisan axuda, non un muro burocrático. Precísana xa.
Finalmente, alcaldesa, teño que insistir e pedirche que recapacites. O goberno ten que elaborar e aprobar uns Orzamentos 2021. Non se pode gobernar a Coruña de hoxe cunhas contas deseñadas a finais de 2019. A cidade non é a mesma, as necesidades non son as mesmas. O mundo non é o mesmo, e non valen as mesmas solucións. Non vale con poñerlle parches ás contas municipais. Para mostra, un exemplo: unha soa desas modificacións necesarias, a máis sinxela, a do anexo de convenios, leva meses en trámite e aínda temos que aprobala no Pleno.
A Coruña precisa un goberno co corpo e a cabeza en 2021. Para iso, para resolver os problemas da xente, podes contar co apoio da Marea Atlántica.
Recibe un saúdo cordial,
María García
Voceira do Grupo Municipal Marea Atlántica