Novas da Marea

Cara un Concello de código aberto

A Marea impulsará a “implantación progresiva do software libre” no Concello, como “xeito de aforro e tamén como incentivo á investigación”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña aposta “pola transparencia total” e critica “a política black do goberno municipal do PP, que nega información á cidadanía e non permite a súa participación”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, avanzou outra das medidas que a plataforma cidadá que encabeza impulsará desde o goberno da cidade: “A Marea aposta pola implantación progresiva do software libre no Concello. Para isto, debe auditarse que software do actualmente existente pode ser progresivamente reemprazado por ferramentas libres, un tránsito que debe facerse con sentidiño, e provendo da formación axeitada aos traballadores e traballadoras do Concello”.

“O software libre é garante da independencia tecnolóxica e permite compartir o coñecemento lonxe de intereses comerciais. Ao mesmo tempo, e isto é moi importante, implica aforro para as institucións públicas como pode ser o Concello, favorece o fortalecemento dun tecido tecnolóxico e industrial local e incentiva a investigación, polo que por esta vía tamén pode crearse emprego e novas oportunidades”, indica Ferreiro respecto á importancia desta medida.

Nesta liña, o cabeza de lista da Marea asegurou que “é relevante lembrar que a Universidade da Coruña ten unha recoñecida Facultade de Informática, de onde todos os anos sae un bo número de persoas formadas e tituladas cuxo coñecemento e capacidade poden ser un importante activo para a cidade”. Así mesmo, Ferreiro recordou que “a Marea Atlántica está a ser referencia na Coruña pero tamén noutros lugares e territorios polo seu uso das novas tecnoloxías en código aberto ou das ferramentas telemáticas como facilitadoras da participación cidadá. Cremos na Coruña como vangarda e acreditamos na innovación e na posta en común do coñecemento, como levamos demostrando meses. Existe nese eido un terreo de actuación por diante e queremos exploralo a fondo, afastándonos dun Concello fosilizado como é o do PP”. A introdución paulatina do software libre no Concello da Coruña por parte da Marea Atlántica sería outra das medidas de aforro institucional da plataforma cidadá, que tamén reducirá nun 50% o custo do goberno municipal, por exemplo limitando a 40.000 euros brutos anuais o soldo máximo para cargos electos, directivos e persoal de confianza.

Have your say