Saltar ao contido

O Concello mantén intacto o investimento en publicidade, e emprégao para difundir investimentos que non son tal e medidas que nin comezaron a deseñarse 

Mentres tanto, a cidadanía segue agardando polo reforzo dos servizos sociais e as axudas a autónomos, pemes e micropemes afectadas polo confinamento

Canto está a gastar o goberno municipal en propaganda enganosa durante a pandemia? O grupo da Marea Atlántica vén de rexistrar unha pregunta de resposta escrita para coñecer estes datos e denunciar as pouco veraces campañas publicitarias que está a aparecer nos últimos días no espazo público e os medios de comunicación. Instamos, unha vez máis, a destinar estes fondos a medidas de protección social e de apoio á economía local.

Nun momento de crise sanitaria, social e económica, o Concello da Coruña está a gastar cartos públicos en anunciar investimentos que non son tal ou que se esaxeran, e que para nada se corresponden co recollido nos Orzamentos en vigor. Tamén se están a difundir entre a cidadanía medidas que non só non están en vigor, senón que nin comezaron a deseñarse e moito menos a pactarse.

Estes anuncios falan dun Plan de Contratación que disfraza de actuacións inmediatas os contratos municipais para os vindeiros 15 anos, en servizos tan básicos como a recollida de lixo ou a limpeza das rúas e gastos tan ordinarios como mercar folios para o día a día en María Pita. E publicitan un suposto Plan de Reactivación Económica e Social da Coruña que nin existe nin ten respaldo orzamentario.

Mentres tanto, nin Plan de Choque Social, nin Plan de Emprego

É ben sorprendente que o mesmo Concello da Coruña que aínda non puxo en marcha o reforzo das axudas sociais e do persoal para atendelas, nin abriu unha soa liña de apoio para autónomos, pemes e micropemes que están a levar o peor da crise, estea a investir os seus recursos con tanta lixeireza en campañas propagandísticas que pouco teñen que ver coa realidade. Consúmense ademais uns fondos que a Marea Atlántica propuxo destinar a finalidades ben máis urxentes e beneficiosas para quen vai padecer a crise, como a activación dun Plan de Choque Social e dun Plan de Emprego de emerxencia.

Canto está a gastar o goberno municipal en propaganda enganosa durante a pandemia?