Saltar ao contido

A concelleira de Benestar Social e Igualdade prometera adiantar a publicación da nova convocatoria a xaneiro ou febreiro, pero estamos en marzo e aínda non hai noticias. 

Solicitamos que os titulares das axudas sexan os alumnos e alumnas, e non as unidades familiares, para evitar problemas no caso débedas coa administración, como se fixo en Valencia

O grupo municipal da Marea Atlántica insta ao goberno local a cumprir a súa palabra e publicar canto antes a convocatoria de bolsas comedor para o próximo curso escolar, evitando así os problemas que se produciron o ano pasado. A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Yoya Neira, prometera ter “entre xaneiro e febreiro” (con meses de antelación con respecto ao habitual) a convocatoria de axudas. Así consta na acta da Comisión de Benestar Social celebrada o 15 de outubro de 2019, pero xa comezou marzo sen que haxa nova información. Semella difícil a publicación das bases antes do 15 de marzo, supoñendo que xa estean rematadas. 

Por iso, reclamámoslle que faga públicas as bases á maior brevidade, e que asuma medidas para evitarlle dificultades ás familias, facilitar os trámites e reducir as denegacións. Entre outras, permitir a renovación automática, mediante declaración responsable, das que xa foron beneficiarias no pasado curso, ou modificar as bases para que o titular da axuda sexa o alumno ou alumna que a recibe, en lugar de toda a unidade familiar. É unha  medida que xa se aplica en Valencia.

A crise do ano pasado non pode repetirse

Deste xeito, evitarianse os problemas no caso de que os pais, nais ou familiares teñan débedas coa administración, xurdidos co endurecemento dos criterios da Intervención municipal.  É fundamental que non se repita a crise do pasado mes de outubro, na que logo de numerosos erros imputables á administración o Concello outorgou case 400 bolsas menos que en 2018, pasando das 1.600 a pouco máis de 1.200, co que moitos fogares quedaron sen unha axuda que precisaban. Tamén foi o ano que máis tarde se aprobaron as listas definitivas, en novembro, con grave prexuízo para as familias. 

Convocatoria da Comisión de Benestar Social

A concelleira SIlvia Cameán convocará a vindeira semana a Comisión De Benestar Social, da que é presidenta, para coñecer en que punto se atopa a tramitación e para trasladar propostas construtivas de mellora. 

Alí tamén lle preguntará ao goberno municipal se xa conta cos permisos da AMTEGA para consultar os datos fiscais das persoas solicitantes. E solicitaremos que se presente un cronograma de planificación cos prazos, o persoal dedicado e a organización para tramitar as bolsas comedor. 

Cando vai sacar o goberno do PSOE as bolsas comedor?