Toda a programación das festas de María Pita 2022 é xa pública agás o programa de concertos do Noroeste, que se celebra dentro dun mes
María García: “Non se entende o empeño en financiar grandes eventos de franquías e deixar para o final xusto o evento máis recoñecible da cidade”
A Marea Atlántica quere instar ao goberno local a non descoidar máis a organización do Festival Noroeste e a dar a coñecer canto antes o seu programa de concertos, do que non hai ningún tipo de información cando só falta un mes para que se celebre. “Onte coñecemos con detalle as actividades das Festas de María Pita 2022, todo agás os concertos do Noroeste, xusto o festival que converteu A Coruña nunha referencia”, argumenta a nosa voceira, María García.
O Noroeste, co enfoque que lle deu o goberno de Xulio Ferreiro, converteuse nun festival recoñecido pola calidade artística da súa proposta, e tamén polos seus valores: apoio a artistas e bandas locais, actuacións descentralizadas en diferentes puntos da cidade e maioritariamente gratuítas, mestura de estilos, destacada presenza de mulleres e respecto polos dereitos laborais de todas as persoas que traballan nel.
“Resulta preocupante que xa saibamos todo do Morriña Fest, un festival organizado por unha empresa privada e sen ningún tipo de arraigo na cidade, e do Noroeste só coñezamos as datas”, sinala María García. E engade que “non se entende que este goberno estea a implicarse en sobrefinanciar e promocionar grandes eventos con franquías que poden celebrarse en calquera sitio e non coide xusto o evento máis recoñecible do verán na Coruña: o Noroeste”.
A última edición do Noroeste sen restricións derivadas da pandemia celebrouse en 2019, deseñada aínda polo goberno da Marea Atlántica. Reuniu a máis de 100.000 persoas en máis de 90 actuacións, con 75 bandas e máis de 150 horas de música. Reclamámoslle ao executivo local que non abandone este formato único, recoñecible e exitoso.