O Camiño do Pinar tamén é A Coruña, pero se atopa nun estado de abandono e falta de servizos que se está a notar no deterioro do espazo público
O goberno municipal debe retomar o traballo no Parque do Observatorio, parado desde hai ano e medio, desde unha perspectiva global e escoitando á veciñanza
A Marea Atlántica lémbralle ao goberno de Inés Rey que lembre que o Camiño do Pinar, no barrio do Peruleiro, tamén é A Coruña, e reclámalle unha maior atención a esta zona desde o Concello. Visitamos o lugar da man dun veciño, e puidemos constatar o evidente abandono por parte dos servizos municipais en canto a limpeza e coidado do espazo público.
Neste sentido, lembramos que é unha das zonas afectadas pola ordenación do Parque do Observatorio, un proceso que leva ano e medio parado, desde que a proposta do goberno municipal foi rexeitada pola maioría da Corporación no Pleno de marzo de 2020.
É tempo de poñerse a traballar de novo e procurar unha solución global para o Observatorio, que atenda ás necesidades de zonas verdes da Agra do Orzán, sen descoidar as vivendas unifamiliares que xa existen na zona nin a protección do Camiño de Visma. É certo que existen límites marcados por sentenzas xudiciais, pero desde o diálogo e a valentía será posible conseguilo. Este é un dos asuntos urbanísticos que se inclúen nas negociacións entre a Marea Atlántica e o PSOE.
Mentres se afronta ese problema, instamos á alcaldesa a non esquecer o Camiño do Pinar e dotalo dos servizos que merece todo barrio da cidade: limpeza, sega e coidado do espazo público.