O goberno galego atrasou todo o posible os trámites da estación. Desde novembro de 2017 é o único responsable de impulsala, e non moveu un papel.
Ethel Vázquez non é unha conselleira, é un problema para Feijóo, para Galicia e para A Coruña. Vai de enfrontamento en enfrontamento.
As responsabilidades na Estación Intermodal da Coruña están claras e ben repartidas desde 2015: O ADIF (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) fai a estación de tren, o Concello da Coruña fai os accesos urbanos e a Xunta fai a estación de autobuses. Nos traballos previos, ADIF e o Concello cumpriron. A Xunta, non, e por iso di que pode perder 8 millóns de euros en fondos da UE, aínda que o prazo para obtelos remata en 2023. Segundo a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a culpa de que ela non fixera o seu traballo é do goberno municipal da Coruña. Se non sabe, que dimita e deixe de facerlle oposición á Coruña.
Así foi o proceso, paso a paso:
- Xullo de 2015: A Xunta inicia os estudos previos para a terminal de autobuses da Intermodal. O goberno da Marea Atlántica, recén chegado, propón mellorar os accesos á futura estación, conectando as avenidas da Sardiñeira e Arteixo cunha nova rúa, que axilizará o tráfico (sobre todo o de buses) e reducirá as molestias á veciñanza. O Concello comprométese a financiar esta parte do proxecto.
- Febreiro de 2016: Despois de meses sen resposta de Ethel Vázquez, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, trata o tema da Intermodal (entre outros) nunha xuntanza con Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta. Feijóo promete impulsar o proxecto ao longo do ano.
- Xuño de 2016: A Xunta comeza a redactar o anteproxecto da estación de autobús. O Concello xa lle fóra trasladando as súas necesidades urbanísticas nas semanas anteriores.
- Xullo de 2016: Prodúcese unha xuntanza a tres bandas entre ADIF, a Xunta e o Concello da Coruña para falar da Intermodal. A Xunta non amosa nada concreto, pero recolle suxestións das outras partes presentes no encontro.
- Nesta xuntanza, chégase a un acordo sobre o investimento. O Concello da Coruña compromete 5,8 millóns (do seu orzamento de 250 millóns) para os accesos. A Xunta reserva 10 millóns, dos que 8 son fondos europeos e 2 de recursos propios (do seu orzamento de 9.000 millóns).
- Marzo de 2017: Nunha nova reunión a tres bandas, a Xunta amosa por fin un anteproxecto de estación de autobuses. Tardou dez meses, e chegou cun un deseño inzado de erros. Nin encaixa coa terminal de ferrocarril nin cos accesos urbanos. O Concello e ADIF esixen cambios.
- Abril de 2017: O goberno municipal presenta un informe con todas as deficiencias no deseño da Xunta e propón solucións concretas, aínda que non é a súa competencia. Foron aceptadas tanto por ADIF como polo goberno galego. A este punto houbo que chegar para que Ethel Vázquez escoitara, e aínda así…
- Novembro de 2017: A Xunta tardou sete meses en asinar un acordo de bases para o deseño da terminal de autobuses da #Intermodal. Houbo que reclamarllo instistentemente. Mentres tanto, en Ourense, cidade gobernada polo PP, comezan a acelerarse os trámites para a intermodal.
- Xullo de 2018: Primeiras novidades de Ethel Vázquez en meses. Emprega a prensa controlada pola Xunta para culpar ao Concello dos atrasos na Intermodal. E faino con datos falsos, como que “xa se perderon os fondos europeos” cando se poden investir ata 2023.
- Setembro de 2018: De novo, Ethel Vázquez manda recado pola prensa. O mesmo que en xullo, para tapar outros tres meses de non facer nada.
- Outubro de 2018: Preséntanse os orzamentos da Xunta. Só hai unha partida de 150.000 euros para a Intermodal da Coruña mentres se reservan millóns para outras cidades. Para Ourense hai 13,4 millóns. Agora o problema xa non son os fondos europeos, agora o problema é asinar un convenio co Concello, totalmente innecesario antes de comezar as obras.
- 5 de Novembro de 2018: Nova xuntanza a tres bandas. O Concello e ADIF chegan ao compromiso de ter os seus proxectos de obras nos primeiros meses do ano. A Xunta foi o convidado de pedra: nin quixo aumentar a ridícula partida de 150.000 euros nos seus Orzamentos 2019, nin comprometer fondos propios ou axudas da UE.
- 28 de Novembro de 2018: Ao final, todas as escusas da Xunta eran mentiras. A conselleira Ethel Vázquez anunciou a licitación das obras por 375.000€. Toda a documentación necesaria estaba na mesa do seu despacho desde hai meses. Se non o fixo antes foi por someter á Coruña a un bloqueo político.
- Ano 2023: É a data límite que ten a Xunta para investir os 8 millóns de fondos europeos na Intermodal, pero din que non lles vai dar tempo é que todo é culpa do Concello da Coruña. Se segue ao ritmo de traballo actual, claro que non chegan. Pero a única responsable será a conselleira de Infraestruturas.
Non se pode empregar un tema tan serio como a Intermodal, básico para a mobilidade sostible na área metropolitana da Coruña, para facerlle a campaña electoral ao PP no Concello. Nin tampouco a creación dun consorcio de transporte, como xa temos visto.
A conselleira de Infraestruturas bloquea sistematicamente todas as iniciativas que teñen que ver coa nosa cidade, e fai que a veciñanza pague o prezo do seu electoralismo. O bloqueo da Coruña é unha decisión política.
Os comentarios están pechados.