Tras saberse que Vueling leva a Santiago os voos a Sevilla e Valencia que operaban desde A Coruña, reclamamos o cese de Juan Ignacio Borrego e a comparecencia urxente da alcaldesa na Comisión de Turismo para dar explicacións
A Marea Atlántica reclama a dimisión do concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, e a urxente comparecencia da alcaldesa na Comisión de Turismo, ante a desastrosa xestión do aeroporto de Alvedro. Hoxe soubemos que Vueling retira as súas rutas a Sevilla e Valencia, que pasan a operar desde Santiago, agravando a constante perda de voos e relevancia do aeródromo coruñés desde que goberna o PSOE. “Estamos ante feitos gravísimos que confirman o que viñamos denunciando desde hai tempo: a incapacidade manifesta deste goberno para defender os intereses da Coruña”, como denuncia o concelleiro Alberto Lema.
Vueling xa retirou o voo a Londres de xeito definitivo, con grave impacto non só no turismo, senón tamén nas viaxes de negocios. Ao longo de 2020, esta e outras compañías fixeron desaparecer as conexións con Málaga, Las Palmas e Mallorca. En 2020, Alvedro quedou sen a gran maioría dos seus destinos e o goberno local non fixo nada para tentar solucionalo, a pesar de todas as súas promesas triunfalistas.
De bater marcas a unha crise sen precedentes
Alberto Lema denuncia que “o goberno do PSOE amosa ser incapaz de xestionar o aeroporto”. Sinalou, tamén, que a perda de voos supuxo xa a retirada do avión de Vueling con base en Alvedro, e a perda inmediata de 30 postos de traballo. “Estamos nunha crise sen precedentes, que chega despois de bater marcas históricas de viaxes en 2019. Non todo pode atribuírse á pandemia, nin Lavacolla nin Peinador sofren este desastre”.
O propio Comité de Empresa do aeroporto denunciara no seu día a situación gravisima en Alvedro, que pon en grave risco centos de empregos directos e indirectos. E tamén a recuperación económica da Coruña e a súa área metropolitana, para a que Alvedro é decisivo.