O resultado global dos Bonos Presco mellorou con respecto a 2020, pero con resultados desiguais. O dedicado á hostalería non corrixiu os problemas da edición anterior
O goberno local non informou aínda dos resultados das axudas directas, cuxa tramitación foi unha das grandes carencias do Presco 2020, do que segue habendo subvencións sen pagar
A Marea Atlántica celebra a mellora nos tempos de tramitación e pago dos Bonos Presco, comunicadas hoxe polo goberno local na Comisión de Facenda, que responde en parte ás melloras achegadas polo noso grupo durante a negociación da convocatoria 2021, pero lamenta que non se fixeran as modificacións necesarias para potenciar as modalidades que están a ter peor resultado. É o caso do Bono Hostalería, que un ano máis volve quedar á cola en canto a execución, co 77% dos seus fondos sen executar a mediados de novembro.
A data de hoxe, executáronse un 63% dos fondos previstos para os Bonos Presco, pero cunha enorme diferenza entre áreas. O Bono Comercio chega ao 90%, confirmándose coma a liña, máis demandada. Séguelle o destinado a estética e perruquería, co 73%, e o Bono Cultura, cun 57%. Porén, queda moi lonxe destas cifras o Bono Hostalería, con 23% executado, e demostrouse problemático o Bono Taxi, que só chega ao 7%.
Porén, se o Bono Taxi aínda ten a xustificación de ser unha liña de axudas nova, o Bono Hostalería herda os problemas do ano pasado, sobre os que xa advertiramos sen que o goberno local actuase para corrixilos. Xa en 2020 quedaron 400.000 euros sen gastar neste eido, deixando sen apoio a un sector que padece especialmente as consecuencias da pandemia.
Prórroga ata o 31 de decembro
En todo caso, e para non desperdiciar recursos, votamos a favor de prorrogar a execución dos Bonos Presco ata o 31 de decembro, dando algo máis de tempo para que estes fondos públicos cheguen ás persoas que os precisan. E reclamámoslle ao goberno local que busque o xeito de aproveitar os fondos que non sexa capaz de executar.
O concelleiro de Facenda non ofreceu datos aínda sobre as axudas directas a pemes e persoas autónomas, nin sobre o seu estado de tramitación, comprometéndose a facelo en dúas semanas. Reclamamos un esforzo especial neste asunto, que foi o gran punto feble do Presco 2020, ano do que aínda quedan varias axudas sen pagar. En 2021 non debería repetirse o erro.