Saltar ao contido

O número de axudas concedidas aumentou un 63% desde que goberna a Marea Atlántica.

Nos orzamentos deste ano destínanse a elas 1,5 millóns de euros, un 107% máis que no último ano do PP.

As políticas sociais teñen un peso central no programa da Marea Atlántica, como o ten o apoio a unha educación pública de calidade e igualitaria. Hai puntos nos que estas dúas prioridades se tocan, o compromiso é dobre. E pode demostrarse con datos, non só con palabras: as bolsas comedor para os centros escolares aumentaron un 63% desde que mudou o goberno municipal da Coruña.

Neste 2018, o orzamento reserva 1,5 millóns de euros ás bolsas comedor, un 107% máis que no último ano do PP. O increménto débese a que chegan a máis persoas, pero tamén a que agora cubren o 100% do custo da alimentación nos colexios públicos, cando antes as familias tiñan que pagar unha parte. Nos concertados mantense esta contribución familiar, agás nos casos de maior vulnerabilidade económica.

As bolsas comedor permiten que as familias con menos recursos teñan garantida unha alimentación equilibrada para as nenas e nenos en idade escolar. No curso 2015/2016, concedéronse 955 axudas deste tipo. No curso presente, o 2017/2018, foron 1.560, un 63,35% máis.

Ademais, o Concello encárgase de manter o servizo activo fóra do período lectivo, con axudas para que os fogares con maior risco de exlcusión poidan seguilo empregando nas vacacións. O obxectivo é facer todo o posible para que na cidade da Coruña non haxa menores que pasen fame.

 

Obras para coidar dos colexios públicos

O Concello tamén se está a facer cargo das obras de reparación e mellora dos centros escolares públicos. Hai moitas que son competencia da Xunta, pero o goberno galego prefire gastar os cartos noutras cousas ou noutras cidades onde lles gusta máis a cor do goberno.

Só no ano 2017 realizáronse 32 obras, entre as que destacan:

  • Cambio de cubertas do Emilia Pardo Bazán (193.000€).
  • Reparación das do María Barbeito (50.000€).
  • Arranxo do valado do CEIP de Prácticas (56.000€).
  • Adaptación dos aseos do centro de educación especial Nosa Señora do Rosario para que poidan ser usados por persoas con mobilidade reducida (40.000€).
  • Adaptación de ramplas e acceso no Manuel Murguía (30.000€).

Todas están rematadas. Son cifras, non promesas. Son feitos, non inventos. Son o resultado dun goberno local con vontade de apoiar a educación pública e de loitar contra a desigualdade e a pobreza.

O Concello da Coruña multiplica o investimento en bolsas de comedor escolar