Intervención de Xulio Ferreiro no Pleno do Concello da Coruña do 9 de outubro, en resposta a unha pregunta oral do Partido Popular. As concelleiras do PP, pouco interesadas en escoitar, boicotearon a resposta con insultos de “fascista” e “golpista”. Isto é o que non quixeron que o Pleno escoitara.
Para min sería moi cómodo deixar que calquera dos meus compañeiros ou das miñas compañeiras respondesen, no meu nome, esta pregunta. Teño confianza plena no meu equipo. Pero quixen facelo eu persoalmente. Sabe por que? Porque me parece un asunto da máxima importancia. Un asunto co que non se debería xogar. No que convén ser precisos, honestos e, sobre todo, responsables. Xa hai irresponsables abondo poñendo en perigo a convivencia. Por exemplo, o seu compañeiro Pablo Casado, que esta mañá lle advertiu ao presidente da Generalitat que a este paso vai acabar como Companys. Sabe como acabou Companys? Torturado e fusilado polo réxime franquista.
A vostedes, Cataluña non lles importa. Dálles exactamente igual o que lle pase á xente en Cataluña ou o que pense a xente en Cataluña. Cataluña, para vostedes, é unicamente unha escusa. Eu, a diferenza de vostede, estou preocupado. Tócame representar moitas sensibilidades nunha cidade plural e diversa. Se puidese escoller, preferiría falar hoxe, por exemplo, da importancia de rescatar o borde litoral ou das pequenas obras que lle facilitan a vida á xente, como a que fixemos na rúa Vista Alegre despois de 7 anos. Pero non podo escoller. Primeiro, porque vostedes non me deixan. E segundo, porque un, como alcalde, non pode ser alleo á situación política xeral nin ás preocupacións, de distinto signo pero preocupacións despois de todo, da veciñanza.
Non atopo na súa intevención ningunha empatía. Ningunha mención ao acontecido o pasado 1 de outubro. Ningún xesto amable con quen non pensa coma vostede. Ningunha chamada ao diálogo. En resumo, ningunha proposta de solución. Todo o contrario. Afondan vostedes na crispación, no monopolio dos símbolos, na linguaxe autoritaria. Como o Goberno de Mariano Rajoy, non teñen vostedes nada que ofrecerlle a España, nada que ofrecerlle a Catalunya. Nada que ofrecerlle á Coruña. Nada que ofrecerlle tampouco aos corpos e ás forzas de seguridade do estado, ás que vostedes puxeron nunha situación dificilísima coma se fosen os seus peóns nunha partida de xadrez. E sinto dicirlle que non son os seus peóns.
Rajoy é un problema para a convivencia no estado español. Non escoita, non ve. Está afastado dos problemas e dos desexos reais deste país. Cataluña é, quizais, a evidencia máis dolorosa, pero non a única. É unha ameaza para os nosos dereitos e para as nosas liberdades básicas. Insensible ao dereito a decidir da xente. Incapaz de liderar unha solución política e democrática para a maior crise institucional que atravesa o estado español dende que se restableceu a democracia.
Os problemas políticos, requiren solucións políticas. E en democracia as solucións políticas pasan polo diálogo, non polo uso da forza. Eu, como lle dixen antes, son partidario do diálogo. Como profesor de Dereito, como cidadán e como alcalde. E por iso fun a Zaragoza, canda outros moitos cargos electos. A pedir diálogo. A propoñer diálogo. E volvería facelo, porque estou convencido de que é o camiño. Por iso aproveito para instar ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e ao da Generalitat, Carles Puigdemont, a abandonar as súas respectivas trincheiras e a explorar as propostas de mediación que se lle están a facer, por exemplo, dende a Alcaldía de Barcelona.
Señora Gallego, está vostede no seu tempo de desconto. Non o digo eu, senón o seu xefe, Alberto Núñez Feijóo. Apartárona da foto antes de que cumprise vostede dous anos como voceira. Non me sorprende, a verdade, escoitándoa en días coma hoxe. Sei que é unha situación difícil, pero trate de levalo coa maior dignidade posible. E, sobre todo, sen facer dano. A Coruña é unha cidade diversa e de longuísima tradición democrática. Unha cidade marabillosa que non ten a culpa do que lle pasa a vostede. Sexa responsable, por favor. A última vez que en España alguén nos dividiu e nos obrigou pola forza a escoller bando, centos de miles de persoas perderon a vida. Eu, dende logo, non quero que se repita.