Saltar ao contido

A pesar das promesas do goberno local, as 76 traballadoras das seis bibliotecas en mans da empresa LTM recibiron o aviso de que non van cobrar o salario do mes de setembro

María García: “Isto é intolerable. Tras os problemas de xullo, a alcaldesa prometeulles solución, pero as bibliotecarias non volveron saber nada do goberno. Levaremos o asunto ao vindeiro Pleno”

As 76 persoas que traballan nas bibliotecas municipais de xestión privada, en mans da empresa LTM, volveron recibir ameazas de impago e nestes momentos non saben se cobrarán o salario do mes de setembro. Repítese a situación que levou a convocar unha folga en xullo e tras a que a alcaldesa se comprometeu a procurar unha solución “urxente”. A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, anuncia que reclamará unha solución definitiva no próximo Pleno porque é “intolerable”. “As traballadoras non volveron saber nada do goberno municipal en dous meses, a pesar das promesas, e agora teñen unha vez máis o seu soldo en perigo. Non merecen isto”, explica.

García púxose en contacto co Comité de Empresa de LTM para trasladarlles todo o apoio da Marea Atlántica. E, como xa fixemos no Pleno de xullo, poñemos os nosos votos a disposición do goberno local para calquera remedio que garanta o pago dos salarios. “A única solución definitiva sería a remunicipalización de todo o servizo para rematar coas desigualdades entre as bibliotecas de xestión pública e as de xestión privada. Pero o urxente é garantir que as traballadoras teñen a tranquilidade de cobrar a fin de mes. É o mínimo”. 

Cando se lle preguntou pola situación na última Comisión de Educación e Cultura, esta mesma semana, o goberno local pediu tranquilidade e prometeu que “estaba traballando” nun novo contrato que resolvese o problema dos impagos. Un avance moi escaso nos últimos dous meses e que, á vista está, non serviu para resolver nada. Volvemos instar a Inés Rey e ao seu equipo a que se ocupen deste problema coa urxencia e a dedicación que merece un servizo esencial para a cultura nunha cidade, como é o das bibliotecas públicas. Esta mesma mañá a Marea Atlántica solicitou acceso aos traballos, de calquera tipo, iniciados polo goberno local dende o mes de xullo para procurar unha solución a este problema.

Graves desigualdades na rede de bibliotecas

A rede de bibliotecas municipais conta con centros de xestión 100% pública e con outros que están en mans dunha empresa privada, LTM, o que causa evidentes desigualdades nas condicións laborais e no servizo. Foi un goberno do PSOE o que tomou esta decisión, deixando agora seis centros en mans privadas, os de Ágora, Fórum Metropolitano, Sagrada Familia, Os Rosales, Infantil e Xuvenil e o punto de lectura de Novo Mesoiro. E foi o goberno da Marea Atlántica o que tentou resolver o problema a través da remunicipalización, unha vía que contou co voto en contra do PP e o Partido Socialista e a abstención do BNG.

Xa neste mandato, o equipo de Inés Rey mantivo a xestión privada, aprobando un novo contrato no que a oferta económica era o criterio principal, e que lle foi outorgado á empresa LTM cunha oferta claramente á baixa. O resultado quedou á vista nos últimos meses, cunha concesionaria incapaz de pagar as nóminas e un goberno que só reaccionou ante a ameaza de folga, cando o problema se fixo público.

“Durante a campaña electoral, e nos seus acordos de investidura, o PSOE prometeu poñer orde o servizo de bibliotecas e unificar a xestión da rede neste mandato. En lugar diso, nin sequera é capaz de garantir que o soldo se cobre a fin de mes. Se queren poñerlle remedio, a nosa man está tendida”, conclúe María García.

Reclamaremos no próximo Pleno unha solución definitiva para as bibliotecas municipais de xestión privada