Saltar ao contido

O goberno local debe esgotar todas as vías xurídicas en defensa da baixada do billete de bus, unha medida de interese xeral, que incrementou o uso do transporte público nun millón de viaxes ao ano  

María García: “Estamos ante unha concesión feita a medida en 1986, no primeiro goberno de Francisco Vázquez, para que unha empresa privada se enriqueza a partir dun servizo público”

A voceira da Marea Atlántica, María García, denunciou hoxe que a Compañía de Tranvías mantivo intacto o reparto de dividendos mentres conxelaba o investimento en mellorar o servizo de autobús urbano da Coruña: “Tanto en 2018, antes da baixada do billete do bus, coma en 2019, despois da baixada, a empresa repartiulles os mesmos dividendos aos accionistas: 2,6 millóns de euros, segundo os datos dispoñibles no Rexistro Mercantil. É dicir, que dos enormes beneficios que conseguen coa tarifa, case 8 de cada 10 euros van parar ao peto dos propietarios, en lugar de reinvestirse na mellora do servizo transporte público”. 

Así, en 2019 (o último ano no que a empresa presentou as súa contas), o reparto de dividendos foi do 78,3% dos 3,32 millóns de euros de beneficios amasados por Tranvías, é dicir: 2,6 millóns de euros foron a engrosar contas correntes privadas. Mentres tanto, a compañía ten conxelado o investimento en renovar a frota de autobuses e ofrecer un mellor servizo.

Á vista das cifras, María García insistiu en que “o goberno local debe recorrer a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contraria á baixada do billete do bus na Coruña, e defender a cidade fronte aos intereses dunha empresa que se enriquece cun servizo público, grazas dunha concesión feita a medida por Francisco Vázquez en 1984. Urxe adaptar as condicións deste contrato á realidade e o sentido común”.

O interese xeral da baixada das tarifas do bus

María García lembrou, “que a baixada do billete do bus impulsada por Xulio Ferreiro en 2019 foi a primeira redución de tarifa nos 37 anos de vixencia da concesión, unha medida que fomentou o uso bus, cunha de redistribución da riqueza”. E tivo un efecto claro: ese mesmo ano bateuse a marca de viaxes en bus, un total de 23 millóns nun ano, un millón máis ca en 2018. “Por iso, non podemos estar de acordo coa sentenza, pois os datos deixan claro o interese social que teñen as novas tarifas, e o seu impacto positivo para a cidade”. E así o recoñecía a sentenza do Contencioso Administrativo que lle deu a razón ao Concello en primeira instancia. 

Foi unha medida de xustiza social, que non so rebaixou todas as tarifa en 10 céntimos, senón que fixo a viaxe de balde para menores de 13 anos e os transbordos gratuítos durante 45 minutos. Antes diso, todo foran subidas ou, con sorte, prezos conxelados. Mesmo no pero da anterior crise, entre 2007 e 2013, os gobernos de Javier Losada e Carlos Negreira subiron o prezo do bus ata un 34%. 

Apostar polo bus é apostar por unha mobilidade sostible e universal, polo dereito de todas as persoas, sexa cal sexa o seu nivel económico e condición física, a moverse pola cidade. É liberar o espazo público ateigado de coches, frear o cambio climático e achegar saúde. Por iso instamos instamos ao goberno local a defender o interese xeral da Coruña e chegar ata o final pola vía xudicial. 

 

A Compañía de Tranvías repartiu 2,6 millóns de euros ao ano entre os seus accionistas mentres investía cero euros en mellorar os buses