Iago Martínez: “Despois de catro anos dando leccións, o PSOE leva seis modificativos de crédito en cinco meses e amósase incapaz de cumprir coas súas propias normas no PMP”
No Pleno Ordinario deste xoves, presentaremos unha moción para pedir a derrogación da Lei Montoro e a normativa de austeridade que encadea aos concellos
No Pleno extraordinario celebrado este o 2 de decembro, o goberno municipal obtivo a aprobación tres modificativos de crédito ao Orzamento 2018, que confirman que o Concello da Coruña non poderá reinvestir os seus 12,5 millóns de euros superávit en obras e políticas que melloren a vida na cidade. O PSOE tenta buscar unha porta de atrás para soltar as cadeas das normativas de austeridade, que eles mesmos aprobaron xunto co PP, para destinar a metade deste superávit ao pago da desfeita das expropiacións no Castro de Elviña, causada tamén por un goberno socialista. Unha carambola dubidosa, que precisa do visto bo do Ministerio de Facenda, e que, no mellor dos casos, significará que só 6 millóns vaian destinados a pagar as débedas coa banca. Este último modificativo foi aprobado só cos votos do PSOE e C’s.
Na súa intervención no Pleno, o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, sinalou que “o PSOE fartouse durante catro anos de predicar sobre a presunta incapacidade da Marea Atlántica para ocuparse do normal funcionamento do Concello. E agora resulta que no mes de agosto, o Periodo Medio de Pago a Provedores, o impopular PMP, superou os 60 días, un dato obxectivamente desastroso que nunca tivo a Marea Atlántica. E en outubro, o último mes do que temos datos, foi de 39,18 días. É o peor mes de outubro dende 2015, o que explica que hoxe esteamos a falar de amortizar débeda e non de investimentos financeiramente sostibles”.
Martínez tamén lembrou que “van seis modificativos en cinco meses, sete se contamos o do IMCE”, é un deles é condicionado ao que diga o Ministerio de Facenda, contra o criterio do interventor, “algo que no seu día o PSOE criticou duramente, coa súa habitual superioridade”. Do mesmo xeito, cando foi posible investir o superávit, o PSOE presionou para dedicalo a amortizar débeda.
Moción contra a austeridade no próximo Pleno
“Se o Ministerio de Facenda autoriza esta máis que dubidosa operación, alegrarémonos polos afectados e polas afectadas do Castro de Elviña. Se durante este mandato non se incrementa a pesada carga de sentenzas por chapuzas, alegrarémonos. Do que non nos podemos alegrar é de que a banca se vaia embolsar outros 6 millóns de euros”, concluíu Iago Martínez.
O vicevoceiro da Marea Atlántica sinalou, ademais, que en lugar de buscarlle portas de atrás ás normas de austeridade, que atentan contra a autonomía local e poñen á banca por diante das persoas, o mellor sería retiara a Lei Montoro e corrixir o artigo 135 da Constitución. Con esta fin, anunciou que no Pleno Ordinario deste xoves presentaremos unha moción para derrogar estas normativas.
Apoio ao alumnado con diversidade na Deputación
Esta mañá tamén se celebrou o Pleno da Deputación da Coruña, no que o grupo da Marea Atlántica presentou unha moción en defensa da atención á diversidade no ensino público e contra os recortes da Xunta neste campo, que afectan polo menos á oito colexios da Coruña, e a outros tres en Cambre, A Laracha e Arteixo. Recollendo as reivindicacións das ANPAS destes centros, o noso voceiro provincial, Alberto Lema, instou ao goberno de Feijóo a respectar os dereitos educativos das nenas e nenos con necesidades especiais e a fomentar a inclusión.
A moción foi aprobada cos votos de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños, pero os partidos que sosteñen o goberno, negáronse a implicar a Deputación no traballo de presionar á Xunta para que dea marcha atrás aos recortes en atención á diversidade.