O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía mantivo un encontro con estudantes no campus de Elviña, cos que se comprometeu tamén a negociar coa Xunta, a Deputación e a propia Universidade a ampliación de prazas en residencias públicas
O líder da formación cre que “non é momento para ambigüidades no que toca á vivenda, senón de comprometerse con claridade a empregar todas as ferramentas para garantir o dereito”
Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, mantivo un encontro con estudantes da Universidade da Coruña, celebrado na Facultade de Ciencias da Educación, para falar do problema da mocidade á hora de acceder a unha vivenda digna. Nesta cita, comprometeuse a poñer en marcha un banco de vivendas de aluguer asequible para mozos e mozas: “Reforzaremos a empresa pública EMVSA cun programa especificamente destinado á mocidade e o estudantado. Inés Rey comprometeuse con nós a facelo neste mandato, pero non moveu un papel e deixou os fondos previstos sen gastar. Tocaranos asumir en maio ese traballo coas nosas propias mans e a Marea Atlántica de volta no goberno”, explicou o candidato.
Así, a partir do 28 de maio, Xove dotará de persoal cualificado e un maior orzamento a Empresa Municipal de Vivenda para que un equipo se dedique en exclusiva a captar e acondicionar vivendas para este banco. As posibilidades son enormes, como demostran iniciativas similares en Cataluña ou Euskadi. A este programa poden incorporarse pisos actualmente en uso, pisos que hoxe están baleiros –entre 10.000 e 20.000 na Coruña– e mesmo aqueles que a SAREB ceda ao Concello no marco das medidas anunciadas nas últimas horas polo Goberno central, aínda pendentes de concretar.
Ampliar a iniciativa posta en marcha por Xulio Ferreiro en 2015
O modelo ten un antecedente de éxito na Coruña: a bolsa creada polo goberno de Xulio Ferreiro en 2015, aínda hoxe en funcionamento, coa se está a poñer medio cento de vivendas a disposición de familias en situación de extrema vulnerabilidade. Trátase, por tanto, de ampliala e abrir unha liña específica para a mocidade. E, sobre todo, de tomar en serio e dotar de recursos e persoal a captación de pisos. Este programa non require que EMVSA merque as vivendas, simplemente xestiona os alugueiros como intermediaria, limitando o prezo e dando garantías ás dúas partes, a persoa propietaria e a inquilina.
No encontro coas estudantes, o candidato sinalou que “na Coruña é imposible alugar, e cada vez máis: en marzo batemos otra marca, acadando un prezo medio de 595 euros ao mes”. Temos o dobre de pisos turísticos que dispoñibles para o aluguer convencional, asunto que vai investigar a Valedora do Pobo a iniciativa da Marea Atlántica, e os proxectos de vivenda municipal impulsados por Xulio Ferreiro avanzan con demasiada lentitude, como é o caso de Marqués de Pontejos, ou están conxelados, como acontece en Xuxán.
Neste contexto, Xove reafirmou o seu compromiso de aplicar na Coruña as medidas da nova Lei de Vivenda para baixar os prezos e instou ao PP de Rueda a non empregar a Xunta de Galicia para impedilo na liña da presidenta da Comunidade de Madrid.
Finalmente, o cabeza de lista da Marea Atlántica comprometeuse tamén ante as estudantes a “sentar nunha mesa á Universidade, á Deputación e á Xunta de Galicia para que acorden crear máis prazas de residencias públicas para estudantes na Coruña, onde hoxe a oferta é maioritariamente privada”, así como a prestar asesoramento dende o Concello á xente moza que busca vivenda e acaba, moitas veces, sendo vítima de cláusulas abusivas. O líder da formación municipalista cre que “non é momento para ambigüidades no que toca á vivenda, senón de comprometerse con claridade a empregar todas as ferramentas para garantir o dereito”.