Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Xulio Ferreiro: “A Marea está en disposición de liderar unha primavera democrática na Coruña”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña ofreceu un balance da primeira semana de campaña electoral, da que dixo que “a Marea está a marcar o ritmo ante un PP que non entende nada, como non entendeu o 15M, do que se cumpren catro anos”

photo_2015-05-15_14-08-56

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, valorou ante os medios de comunicación a primeira semana de campaña electoral, que se cumpriu xusto o 15 de maio, o 15M, movemento que reivindicou como fundamental para entender a Marea “a pesar de que non cabe nunhas siglas, é patrimonio da xente”, segundo declara. “A campaña electoral xa se move ao ritmo da Marea Atlántica. O cambio real é imparable, o PP xa non é capaz de mirar para outro lado, está histérico e empeza a disparar sen tino aquí e alá”, indicou o cabeza de lista da plataforma cidadá. “Da arrogancia de hai unha semana, o PP pasou ao desconcerto máis absoluto, non nos sorprende ese desconcerto: non entenderon Nunca Máis, non entenderon o 15M e tampouco entenden agora que a xente desafíe o poder coas súas propias mans”, engadiu.

“Hoxe, catro anos despois de gañar o sentido común da xente, o espírito do 15M está empezando a gañar as institucións, hai unha marea de ilusión á que cada día se suma máis xente. O martes en Palexco organizamos un acto histórico, unha marca na historia da dignidade na Coruña, moita xente nos dixo que hai moitos anos que non vían algo así. Esa ilusión está nas rúas, un crecemento que tamén vemos nas enquisas, malia que por suposto hai que tomalas con toda a prudencia, cando son malas e cando son boas. Pero o que é unha realidade imposible de agochar é que a Marea Atlántica está hoxe en disposición de liderar unha primavera democrática na Coruña”, afirmou Ferreiro.

“Somos prudentes, responsables e capaces. Sabemos o que hai que facer: queda unha semana de traballo intenso e paciente, barrio a barrio, para chegar a toda a xente da Coruña, que está a recuperar a ilusión e a confianza grazas á Marea Atlántica. A ilusión por mellorar as nosas condicións de vida. A confianza que perdera na política”, afirmou o candidato da plataforma de unidade popular, que respondeu a declaracións de líderes do PP que “din que somos os perdedores da Transición e teñen razón, porque os nosos avós e os nosos pais traballaron duro para darnos unha formación que agora en infinidade de casos o único que garante é precariedade e exilio. Eles, os nosos maiores, tamén sofren, como a miña xeración ou como os máis novos e novas, que teñen por diante un negro futuro e tamén saben que a única opción que asegura un cambio real é a Marea”, concluíu. Por último, Xulio Ferreiro foi cuestionado pola situación do Deportivo, de cara ao decisivo partido que xoga o domingo en Riazor: “Son socio do Dépor desde hai 22 anos e seguidor desde moito antes. Creo na vitoria e alí estarei, deixándome a voz na miña grada, a de General. Ademais, a Marea xa anunciou que renuncia a repartir publicidade nos arredores do estadio para non levar a competición electoral cara un símbolo unitario da Coruña”, declarou. A Marea agarda que o resto de formacións fagan o mesmo e todas as forzas se centren en axudar á permanencia do Dépor.

Balance no ecuador da campaña: chega a primavera democrática