Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Cumprimos. Hai marea. Seguimos adiante. Unhas 2.800 sinaturas, aínda que só procurabamos 2.500, avalan xa o manifesto da Marea Atlántica. Cando o publicamos o pasado 15 de xullo, faciámonos unha pregunta: compartimos un desexo común? E compartímolo. Queremos gañar María Pita nas eleccións de maio de 2015 e poñer as institucións ao servizo da xente para combater a desigualdade. É o momento. E ímolo facer.

photo2014Co impulso destas sinaturas pechamos un capítulo e abrimos un mundo. O vindeiro 17 de outubro, como fixemos o pasado mes de xullo na Ribeira do Cómaro, ao pé do mar, abriremos a segunda fase do proceso da Marea Atlántica cun gran acto público ao que estades todas e todos convidados. Hoxe compartímolo cos medios de comunicación nun encontro ás 12.00 horas na Praza da Fariña. As nosas voces, desta vez, foron as de Rocío Fraga e Alfonso Mascuñana.

 

Primeiro obxectivo superado: 2.800 sinaturas

Propuxémonos reunir 2.500 sinaturas antes do 1 de outubro, de calquera parte, como un sinal de que o desexo expresado no manifesto era compartido. E cumprimos. Acadamos os apoios cinco días antes de que rematase o prazo. De feito, hoxe chegamos ás 2.800 e demos por pechado o reto. O web seguirá aberto a novas adhesións, seguen a chegar moitas en papel, pero as nosas enerxías poden concentrarse xa noutros desafíos.

Onte fixemos as contas. Das 2.725 sinaturas que tiñamos rexistradas naquel momento, 2.001 (74,4%) eran da área metropolitana da Coruña e o resto de procedencia descoñecida (107, un 3,9%) ou de fóra (617, 22,7%) da contorna. Moitos emigrantes e moitas emigrantes da Coruña que hoxe viven e traballan en Vigo, Lugo, Madrid, Barcelona, Berlín, Bélxica ou Arxentina, onde sexa que a precariedade os levase, ou veciños de fóra da cidade que se sentiron interpelados polo chamado da Marea Atlántica, a primeira iniciativa destas características que botou a andar en Galicia. Doutros lugares do país proceden 493 sinaturas (18,1%), do resto do estado 98 (3,6%) e do resto do mundo 26 (1%). No conxunto dos asinantes, o 56% son homes e o 44% mulleres.

 

Máis de 1.000 persoas nas mareas

A Marea Atlántica é un proceso de confluencia liderado pola cidadanía, e para cumprir co que se propón non sobra ningunha das dúas condicións: é imprescindíbel que as forzas políticas se dilúan na marea, con xenerosidade, dende a diferenza, e que a cidadanía asuma, con alegría, a responsabilidade dese liderado na organización da nosa vida en común. E até agora está a ser así.

A rolda de contactos coas organizacións políticas que amosaron interese en intercambiar impresións e despexar todas as incógnitas que se poden despexar nun proceso en construción —Anova, Esquerda Unida, Espazo Ecosocialista, BNG, Equo, Partido Humanista e Compromiso por Galicia— foi satisfactoria. Para completala fáltanos Podemos, unha organización inmersa no seu propio proceso constituínte, proceso que seguimos con interese.

E a cidadanía tamén está a demostrar que hai marea. Máis de 1.000 persoas participaron nas sete mareas xa activas: Agra do Orzán, Cultura, Cidade Vella, Outro Urbanismo, Mobilidade, Feminismo e Os Mallos-A Falperra. E unhas cen persoas están a traballar, xenerosamente, no día a día da Marea Atlántica. Nos grupos de traballo ou na continuidade das mareas abertas, que non van descansar até chegar a María Pita.

 

E agora, que?

Agora, máis marea. Máis mareas. Superada a proba das sinaturas, toda a enerxía concentrarase no esencial: as mareas sectoriais e de barrio, o verdadeiro pulmón da Marea Atlántica, asembleas abertas que emerxen un día e xa non desaparecen máis. Ás sete activas, xa traballando, detectando problemas e imaxinando solucións, o principio do que no futuro será un programa electoral participativo, sumaranse nas vindeiras outras tantas ou máis.

En paralelo, empezaremos a traballar xa na organización da Marea Viva de decembro. Unhas xornadas nas que avaliaremos o camiño andado, sumaremos novas forzas, poremos en común todo o traballo das mareas e abordaremos a última fase do proceso: constatar que forzas políticas comprenderon a altura histórica do reto e propoñer as metodoloxías para as primarias abertas e o programa electoral participativo.

 

O futuro inmediato

A próxima cita coa Marea Atlántica será o grande acto público que celebraremos o venres 17 de outubro para abrir oficialmente a segunda fase e compartir toda a información que sexa preciso compartir. Antes, iso si, temos outro encontro. Este sábado convocamos a todos aqueles procesos municipalistas que están a agromar en Galicia a unha xornada de debate e intercambio de ideas e experiencias que celebraremos na Casa da Fariña entre as 11.30 e as 18.00 horas. Poderase seguir, como case todo na Marea Atlántica, en directo a través de internet.

 

É o momento, e ímolo facer