Saltar ao contido

Xan Xove: “Atopamos que a fenda dixital é un problema crecente,
e que trámites coma a cita previa obrigatoria na administración estanse a converter nunha barreira”

 

Esta iniciativa, financiada co excedente dos salarios dos nosos cargos públicos, leva tres anos traballando para facilitarlle ás persoas en risco de exclusión o  acceso aos seus dereitos 


O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xan Xove, e o educador social Rodri Gil, tamén número 3 da nosa lista electoral, presentaron hoxe en rolda de prensa o balance do traballo realizado pola Oficina dos Dereitos da Marea Atlántica ao longo de 2022, o seu terceiro ano de funcionamento.  Nestes doce meses, axudou a un total de 97 persoas a afrontar situacións de vulnerabilidade, coas trabas burocráticas e o acceso a prestacións como principais motivos de consulta. Isto supón un incremento do 54% desde o ano pasado, amosando a boa acollida da iniciativa. 

Para Xan Xove, o labor da Oficina dos Dereitos, financiado co salario dos nosos cargos públicos, “é un motivo de orgullo, e demostra que na Marea Atlántica cumprimos os nosos compromisos e poñemos os nosos recursos directamente a disposición de quen os precisa. Porque estamos nas institucións para axudar á xente e traballar por unha Coruña mellor, non para ocupar cadeiras. Esta oficina non suple o traballo das administracións públicas e as entidades sociais, pero está a resultar útil para moita xente, facilitándolles a vida. E está a sinalarnos problemas no acceso aos servizos públicos e ás prestacións sociais”. 

Pola súa banda, Rodri Gil salientou que un 23% das solicitudes que atendeu en 2022 pedían axuda para realizar xestións coa administración, tales como solicitar citas ou presentar escritos. E o segundo motivo máis números de consulta foi o aceso a prestacións coma a Risga, o Ingreso Mínimo Vital ou a Renda Social Municipal,  cun 20% dos casos. Outras cuestións relevantes foron os problemas de acceso á vivenda e os trámites de estranxeiría, que representaron un 11% en ambos casos.

Ademais, explicou que das 97 persoas que se achegaron para solicitar apoio, 46 foron mulleres e 51 homes. En total,  81 acudiron por primeira vez á Oficina dos Dereitos, mentres que 16 xa demandaran atención en anos anteriores. Ao longo do ano realizáronse 619 actuacións, entre consultas, acompañamento, apoio en xestións administrativas e, derivación a outras entidades.

Xove e Gil explicaron que os procedementos telemáticos e os protocolos de cita previa obrigatoria, que se implantaron durante a pandemia, estanse a converter nun obstáculo para que moitas persoas accedan aos seus dereitos. “a fenda dixital é un problema crecente. Está a deixar fora á xente que non ten conexión a internet no fogar ou teléfono móbil, que adoita a que ten menos recursos e que máis apoio precisa. Isto tamén afecta a persoas maiores, ás que o acceso ás novas tecnoloxías suponlles unha gran eiva. É importante que trámites coma a cita previa sexan unha opción, non unha barreira”.

Ata ano e medio de agarda para a Renda Social Municipal

Entre os problemas que están a trasladar as usuarias da Oficina dos Dereitos, está o crecente atraso na tramitación da Renda Social Municipal da Coruña, que chega a acumular demoras de ata ano e medio entre que se concede e se comeza a cobrar. Xan Xove argumenta que “tendo en conta que é unha axuda de último recurso, o único que lles queda a quen xa se lle denegou a Risga e o Ingreso Mínimo Vital, é un problema gravísimo. En xeral, todos os trámites dos Servizos Sociais do Concello acumulan un enorme atraso, deixando a moita xente polo camiño”. 

E lembrou que “coa Marea Atlántica no goberno, cando se creou a Renda Social, A Coruña chegou a ser a cidade galega con maior investimento social por habitante, pero Inés Rey non amosou interese en manter esta aposta política. En maio teremos a oportunidade de mudar isto”

O problema da vivenda como causa de exclusión social

Entre as usuarias da Oficina dos Dereitos, e tamén en todas as entrevistas que mantemos coas entidades sociais da Coruña, hai un factor que sempre aparece sinalado coma unha das principais causas de exclusión social na cidade: a dificultade de atopar vivenda a prezos razoables e a carencia de recursos públicos para ofrecer alternativas habitacionais, un obstáculo para poder garantir unha vida digna. 

En palabras do noso candidato á alcaldía: “Se na Coruña xa é imposible alugar para calquera, co prezo medio máis alto de Galicia, imaxinade para unha persoa sen recursos. Lamentablemente, o goberno de Inés Rey desaproveitou a oportunidade de actuar fronte a esta situación, negándose a regular os pisos turísticos, e deixou sen gastar nove millóns de euros no orzamento do ano pasado. De novo, haberá ocasión de mudar isto en maio”.

Guías prácticas de prestacións e servizos básicos

Na actualidade, a Oficina dos Dereitos ofrece catro guías prácticas  con información útil sobre os diferentes tipos de prestacións sociais no Estado, na Xunta e no Concello da Coruña, e tamén sobre bonos e tarifas sociais de subministros básicos como auga, electricidade, gas e telecomunicacións. 

E a máis recente, publicada o ano pasado, sobre o acceso á conta bancaria de pago básica, un servizo que os bancos están obrigados a dar de balde para a xente sen recursos, pero non adoitan publicitalas. Todas as guías poden descargarse na web da Marea.

A Oficina dos Dereitos presta 12 horas de atención á semana, con citas presenciais e telemáticas. Para solicitar a súa axuda, só hai que pedilo no enderezo dereitos@mareatlantica.org ou no teléfono 604 086 724.

A Oficina dos Dereitos é unha iniciativa da Marea Atlántica que se financia co excedente dos salarios dos cargos públicos, que cobran un máximo de 35.000 euros anuais (dentro do límite de 40.000 que fixa o noso Código Ético) e doan o resto para manter este e outros programas como a Xanela de Proxectos. A Oficina botou a andar no verán de 2020, ao pouco de rematar o confinamento, e segue medrando ano a ano.

A Oficina dos Dereitos da Marea Atlántica atendeu en 2022 a cen persoas en risco de vulnerabilidade social, un 54% máis ca o ano anterior