Saltar ao contido

O Concello dispón de 2,4 millóns de euros para estas subvencións, que poden garantir ingresos ás empresas e  beneficiar á cidadanía

A voceira da Marea Atlántica, María García, instou hoxe ao goberno municipal a convocar canto antes as axudas á rehabilitación de vivendas e inmobles, como un xeito de apoiar a actividade económica e beneficiar á veciñanza nestes momentos de crise sanitaria, social e económica. “A pesar do confinamento, é importante adiantar esta convocatoria de axudas para que os fogares e empresas interesadas poidan ir traballando na redacción dos proxectos e así executalos coa maior brevidade cando a situación se normalice”, explicou García.

As axudas á rehabilitación contan con 2,4 millóns de fondos propios do Concello, polo que o executivo local ten a capacidade de comezar a tramitalas sen problemas. De ser necesario, podería ampliarse esta contía a través dun modificativo, para o que a Marea Atlántica ofrece os seus votos e o seu apoio. Pero deben convocarse o antes posible se o goberno ten a intención de resolvelas este ano.

Melloras en edificios e vivendas 

Grazas aos cambios que se introduciron no mandato de Xulio Ferreiro, estas subvencións viron elevadas as súas contías e simplificados os trámites para solicitalas, introducindo tamén criterios de renda. Poden pedirse para renovar cubertas, fachadas, portais ou outras zonas comúns en edificios, ou para a mellora de vivendas coa mesma antigüidade, así como para a instalación de ascensores e outros elementos que faciliten a mobilidade. Tamén poden destinarse a melloras na eficiencia enerxética, reducindo o consumo eléctrico e axudando a frear a emerxencia climática.

María García tamén lembrou, como xa propuxemos na nosa primeira batería de medidas  (18 de marzo) que o Concello debería suspender o pagamento dos alugueiros sociais nas vivendas municipais. “O Real Decreto do escudo social permíteo, e  outras cidades xa o están a facer, así que non hai escusa para que A Coruña non aplique esta medida”, afirmou a nosa voceira.

Do mesmo xeito, desde a Empresa Municipal de Vivenda (EMVSA) pode abrirse un servizo telemático de atención cidadá, para informar e asesorar á veciñanza sobre como acollerse as axudas que o Estado adoptou no ámbito da vivenda durante este período de emerxencia.

Reforzo do persoal técnico e administrativo

Finalmente, María García insistiu na necesidade de reforzar o persoal municipal, tanto técnico como administrativo, para acelerar o traballo do Concello e garantir que non se produzan atascos burocráticos. Todas as administracións, especialmente as locais, padecen un déficit de recursos humanos por culpa das leis de austeridade, que limitaron a contratación en exceso e deterioraron os servizos públicos. É o momento de rematar con cadeas absurdas como a taxa de reposición.

É fundamental nos servizos sociais, onde o atraso en prestacións como a Renda Social Municipal poden supoñer que unha familia quede sen recursos para pagar vivenda e alimentación. Pero, en xeral, nestes momentos de crise, é necesario que o Concello da Coruña sexa áxil na tramitación de axudas e no pago a provedores, poñendo os seus recursos para unha saída social da crise.

A Marea Atlántica insta ao goberno municipal a convocar as axudas á rehabilitación de vivendas