Trátase dunha convocatoria para asociacións sen ánimo de lucro que traballan con persoas vulnerables. Levan tres meses en trámite e nin sequera están publicadas as listas provisionais
Silvia Cameán: “Pedimos máxima urxencia para desbloquear as axudas. Nesta crise hay persoas que non poden agardar”
As entidades sociais que traballan coas persoas en situación máis vulnerable, levan tres meses agardando polas axudas do Concello da Coruña. O prazo de solicitude rematou o 3 de agosto e, desde aquela, non houbo máis noticias da área de Benestar Social, nin sequera se publicou aínda a listaxe provisional. Desde a Marea Atlántica reclamamos a resolución inmediata desta convocatoria, para non negarlle ás entidades os recursos que tanto precisan nesta crise social e sanitaria.
“As entidades sociais son un apoio decisivo para moitas persoas que están no límite da exclusión. Chegan a onde as institucións non chegan, e o colmo é que nin sequera se lles concedan as axudas básicas”, afirma a concelleira Silvia Cameán. E engade que “o apoio da administración é fundamental para que poidan seguir co seu labor. Reclamamos a máxima axilidade para desbloquear as axudas. Hai quen non pode agardar”.
Cómpre lembrar que o obxecto desta convocatoria, en trámite desde hai tres meses, é financiar actividades relacionadas cos servizos sociais a realizar na Coruña durante o ano 2020. Outorgase por concorrencia competitiva a entidades sen ánimo de lucro. O ano está a piques de rematar e o goberno municipal non dá resposta.