Saltar ao contido

Desde xullo solicitáronse 3.827 axudas para autónomos e pemes, e só 107 están concedidas e pagadas

O goberno tardou catro meses en convocar a primeira comisión de seguimento do plan, e algúns datos son dramáticos


O goberno municipal convocou hoxe a primeira Comisión de Seguimento do plan de choque contra a pandemia, o chamado PRESCO, case catro meses despois da súa aprobación co apoio de todos os grupos do Concello, tal e como a oposición levaba semanas reclamando. Alí, o portavoz do executivo local, José Manuel Lage, ofreceu datos moi  preocupantes con respecto ao desenvolvemento do plan: só o 2,8% das axudas económicas solicitadas foron concedidas e pagadas. Hai 3.700 pemes e autónomos agardando por elas.

En concreto, desde que se abriu o prazo no mes de xullo, solicitáronse 3.827 axudas para facer fronte a alugueres, cotas de autónomos, cotizacións da Seguridade Social ou obras de adaptación de locais. E a data de 28 de outubro, só 107 chegaron xa a quen as precisa. Como valorou o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, presente na comisión: “O estado de execución do plan de choque é verdadeiramente dramático, e o goberno ten que solucionalo canto antes”.

As axudas chegan demasiado tarde para moitos negocios

“Entender as dificultades da situación actual, como faría calquera persoa con sentido común, pero entendemos aínda mellor as urxencias da xente. As axudas están chegando moi lentamente e, nalgúns casos, demasiado tarde. A Cristina Toba, do Bâbâ Bar, e a moitos outros negocios que tamén tiveron que baixar a persiana, xa non lle servirán”, engadiu Martínez.

O concelleiro matizou que “somos conscientes de que o persoal técnico municipal está a facer un esforzo enorme e moi complicado en tempos de pandemia. Pero é tarefa do goberno mellorar a coordinación e resolución das axudas. O plan de choque, grazas ao apoio de toda a oposición, incluía un reforzo de 35 persoas nos servizos máis directamente implicados nestes trámites, e non se está a ver o resultado”.

Compromisos sociais incumpridos

Iago Martínez reclamou tamén o cumprimento das medidas sociais introducidas pola Marea Atlántica neste plan de choque, que seguen pendentes. Entre outras, o reforzo do servizo de canguraxe, moi necesario agora que o peche de aulas pola pandemia está á orde do día. Existen 250.000 euros previstos no plan para esta fin, e seguen sen executar. 

Finalmente, Iago Martínez reclamou tamén unha maior calidade na información sobre as axudas, desglosada por liñas, distribución territorial, estado de tramitación e perfís das persoas usuarias, entre outros aspectos. “É fundamental coñecer ao detalle o funcionamento do Presco, máis alá dos grandes titulares, para afinar as medidas de choque que necesariamente terán que incluírse nuns novos orzamentos para 2021”.

Só un 2,8% das axudas municipais contra a pandemia están pagadas