O candidato da Marea Atlántica visitou a Sara Peteiro, veciña da Agra do Orzán que está a loitar para instalar un ascensor no seu edificio. Con 88 anos, é a mais nova nunha comunidade formada por 10 familias: “Precisa apoio do Concello, non trabas”
Xove lamenta que o PSOE “só se acorde da vivenda en campaña electoral” e esixe ao presidente Sánchez “máis concreción e valentía” nos anuncios destes días
O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, comprométese a impulsar no primeiro mandato un plan para a instalación de ascensores nas comunidades de veciños que carecen deles, nunha aposta decisiva por mellorar a accesibilidade no interior dos edificios. “Na Coruña temos a moitas persoas maiores que viven prisioneiras nas súas casas, un problema especialmente grave en barrios coma a Agra do Orzán, que creceron moi rápido nunha época na que non se tiña en conta a xente con mobilidade reducida no deseño dos edificios, e no que as promotoras inmobiliarias facían o que lles petaba. Temos que poñerlle remedio desde o Concello”.
Xove visitou onte a casa de Sara Peteiro, veciña da Agra de 88 anos, nunha comunidade veciñal onde é a persoa máis nova, e na que leva varios anos pelexando para instalar un ascensor nun edificio que non está preparado para iso. Tras escoitar os seus problemas, o candidato propón reforzar e axilizar as axudas municipais para a rehabilitación e a accesibilidade no interior das vivendas, seguindo a liña aberta durante o mandato pasado.
O cabeza de lista da Marea Atlántica afirmou que “as persoas como Sara precisan apoio do Concello, non trabas. Temos que eliminar, tamén no eido da accesibilidade, o labirinto burocrático que afasta a xente dos seus dereitos. Por iso, comprométome a reforzar a oficina de asesoramento á veciñanza en materia de accesibilidade e rehabilitación, e a establecer mecanismos de mediación para aquelas comunidades veciñais onde non hai acordo á hora de instalar un ascensor”.
En 2022 só se gastaron o 33% dos fondos de axudas á rehabilitación
“Lamentablemente, co goberno de Inés Rey faltou compromiso e traballo para facer máis eficientes estas políticas. No ano pasado, no orzamento pactado coa Marea Atlántica, o PSOE tiña 11,7 millóns para axudas á accesibilidade e á rehabilitación. Só se gastaron 3,9 millóns, un pobre 33,3%, no contexto da execución orzamentaria máis baixa da última década”; resume o candidato.
Co goberno da Marea Atlántica, estas subvencións viron elevadas as súas contías e simplificados os trámites para solicitalas, introducindo tamén criterios de renda. Serven para a instalación de ascensores e outros elementos de accesibilidade, así como para renovar fachadas, cubertas e zonas comúns, e para melloras na eficiencia enerxética, reducindo o consumo eléctrico e axudando a frear a emerxencia climática. Trátase dunha política que mellora a calidade de vida da veciñanza, e contribúe a reducir as desigualdades entre barrios, polo que seguiremos a potenciala a partir de maio, coa Marea Atlántica de volta no goberno local”.
Xove esixe a Sánchez “concreción e valentía” en vivenda
Con relación á nova Lei de Vivenda, que chega ao Congreso este xoves, o candidato da Marea Atlántica foi o primeiro en pronunciarse, con toda claridade, sobre a súa implantación na Coruña. O pasado 17 de abril anunciou o seu compromiso de aplicala na cidade en canto entre en vigor e solicitar a súa declaración como mercado tensionado para poder baixar os alugueres se para entón, como agora, se cumpren os requisitos. Ademais, instou a Xunta de Galicia e ao presidente Rueda a apartarse da consigna de Díaz Ayuso e outros líderes do PP e non poñerlle paus nas rodas a unha norma que, sendo mellorable, dispón mecanismos que poden ser útiles para facerlle fronte aos severos problemas de acceso á vivenda. A Marea Atlántica levará este asunto ao pleno de maio para que todas as forzas políticas se comprometan.
A política da vivenda é unha das prioridades da Marea Atlántica, como demostran as múltiples iniciativas lanzadas pola formación ao longo dos últimos catro anos. Xan Xove lamenta que o PSOE só se acorde do asunto en campaña electoral e esíxelle ao presidente Pedro Sánchez maior concreción e valentía no sinfín de anuncios dos últimos días: “Se o que pretende o Goberno é que os concellos paguen polas vivendas da SAREB, polas que xa pagou o conxunto da cidadanía co rescate bancario, estanos a tomar o pelo”. Neste sentido, insta o presidente a aclarar este venres na súa visita á Coruña cantas vivendas públicas vai financiar na cidade, onde estarán situadas e cando se poderán poñer ao dispor da cidadanía.