Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Trátase dun proxecto para atender os problemas de saúde mental desde a proximidade, que pon á Coruña na vangarda das políticas sociais en Galicia

A plataforma de contratación do Estado abriu hoxe o proceso para licitar a redacción do primeiro Plan Municipal de Saúde Mental do Concello da Coruña, que nace froito do acordo entre o goberno local e a Marea Atlántica para aprobación dos Orzamentos 2022. Trátase dun programa que contempla a prevención, a promoción e a atención á saúde mental desde unha perspectiva de proximidade, e que porá á Coruña na vangarda das políticas sociais en Galicia.

A licitación do proxecto está dotada con 104.000 euros  e ten un prazo de elaboración de 10 meses, e esixe a implicación de profesionais do eido socio sanitario, da Socioloxía e do Dereito. A atención á saúde mental da poboación está a converterse nunha prioridade para as institucións públicas, impulsada mesmo desde a Unión Europea, ao tempo que se detecta un aumento na prevalencia da depresión, a ansiedade, o estrés e outras doenzas. Por iso o Concello da Coruña implícase neste eido.

“Ante a falta de recursos destinados a este ámbito por parte da única administración competente en materia sanitaria, a Xunta de Galicia, o Concello da un paso adiante para suplir, unha vez máis os déficits do executivo autonómico nesta cidade”, indicou o concelleiro de Facenda e portavoz do goberno municipal, José Manuel Lage.

Para María García, voceira da Marea Atlántica, “a pandemia de hoxe é a da saúde mental, e fronte a ela temos que activar medidas e redes comunitarias que nos permitan actuar desde o local, a vida non pode doerlle tanto a tanta xente”. E engadiu que, “debemos facelo coma propón este Plan Municipal, tendo en conta o contexto de incerteza económica, as condicións laborais precarias, as violencias e as discriminación”.

Obxectivos do Plan de Saúde Mental

Nos pregos para a licitación, publicados hoxe, sinálanse con claridade os obxectivos do futuro Plan de Saúde Mental do Concello da Coruña, comezando pola protección dos dereitos das persoas con problemas de saúde mental e o reforzo da colaboración dos movementos asociativos e a participación cidadá.

A infancia e a mocidade, así coma as persoas en situación de vulnerabilidade social, serán prioritarias neste Plan, por ser colectivos nos que a incidencia da enfermidade mental está a medrar notablemente. Tamén se traballará desde o punto de vista da atención aos barrios, a perspectiva de xénero, a igualdade e a tranversalidade, xa que todas as áreas de goberno deben ter en conta o impacto das súas políticas.

O acordo orzamentario entre a Marea Atlántica e o goberno local tamén prevé a creación dun servizo municipal de atención psicolóxica mediante un convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, así como a inclusión de profesionais da psicoloxía nos equipos de atención social e nos centros de ensino.

Sae a licitación o primeiro Plan de Saúde Mental da Coruña, froito do acordo entre a Marea Atlántica e o goberno local