Saltar ao contido

O 3 de outubro aprobarase no Pleno do Concello o primeiro paso da Área Metropolitana, tras catro anos de bloqueo 

Entre outubro e novembro, iniciaranse os trámites para crear un operador enerxético municipal a través de Emalcsa e para facer gratuítas as escolas infantís municipais

A Comisión de Seguimento dos acordos para o inicio do mandato entre a Marea Atlántica e o PSOE quedou constituída esta mañá coa sinatura dun documento que concreta prazos e avances dos compromisos asinados a comezos de xullo, e que se materializarán de aquí ao ecuador de 2020. Nesta comisión participarán a voceira municipal da Marea Atlántica, María García; o vicevoceiro, Iago Martínez; e as voceiras da Coordinadora da Marea Atlántica, Xan Xove e Sabela Pérez, xunto con José Manuel Lage, Gonzalo Castro e Santiago Roura por parte do PSOE da Coruña.

A reunión achegou detalles dos que serán os tres grandes proxectos destes primeiros meses de mandato, iniciativas da Marea Atlántica que serán desenvolvidas polo goberno do Partido Socialista: A creación da Área Metropolitana da Coruña, un novo operador enerxético 100% municipal e a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos a partir do curso 2020-2021. Como sinalou María García: “Este pacto á coruñesa amosa que non só é posible o entendemento para impulsar políticas progresistas, senón que cando o conseguimos, o beneficio é para toda a cidadanía. Os votos da Marea Atlántica serán claves para conseguilo, e empregarémolos con sentido crítico, vixiando o cumprimento destes acordos que hoxe concretamos”.

Como sinalou a voceira municipal, na comparecencia tras a sinatura do pacto, “a Marea Atlántica ten moi claro que naceu para facer posible que as institucións melloren a vida de todo o mundo, iso fixemos no goberno e iso seguiremos a facer desde a oposición. Non traballaremos desde o bloqueo e o partidismo, senón desde o diálogo, con madurez e responsabilidade, sempre polo ben común”.

Primeiros pasos para a Área Metropolitana no Pleno de outubro

Así, acádase  un compromiso para levar ao Pleno do 3 de outubro “o proceso de constitución da área metropolitana ao abeiro do artigo 122 da Lei da Administración Local de Galicia (LALGA)”, e aprobalo cos votos da Marea Atlántica e o PSOE, o que será o primeiro paso para a tramitación dun anteproxecto de lei da Área Metropolitana, que será trasladado ao Parlamento de Galicia. A elaboración dese anteproxecto lexislativo levarase a cabo na Comisión Especial da Área Metropolitana, presidida por Iago Martínez, que terá a súa primeira reunión en setembro.

Deste xeito, desbloquéase a constitución da Área Metropolitana, xa avanzada en todos os demais concellos implicados, o que supón un benvido cambio de rumbo por parte do Partido Socialista, que rexeitara en 2016 iniciar o proceso na Coruña mentres votaba a favor noutros consistorios.

Nese mesmo Pleno terá lugar a aprobación definitiva da Ordenanza de Igualdade, elaborada polo goberno da Marea Atlántica para desterrar a discriminación quede desterrada de María Pita. Xa fóra aprobada inicialmente en marzo deste ano, e agora completarase a súa tramitación para que entre en vigor.

Soberanía enerxética e ensino público

20190924_SGR_GM_MA_acordos_PSOE_MG_4788O documento asinado hoxe tamén establece que, antes de que remate novembro, comezará a tramitarse en Emalcsa a creación dun operador enerxético 100% municipal, con tarifas sociais e fomento das enerxías renovables. O primeiro paso será “un acordo no Consello de Administración de Emalcsa no que se definirán as liñas básicas do proxecto” e a posta en marcha dun  grupo de traballo bilateral.

Do mesmo xeito, no mes de outubro comezará o traballo para cambiar o regulamento das escolas infantís municipais e facelas gratuítas para toda a veciñanza. Esta modificación quedará lista antes de febreiro de 2020, e no curso 2020, 2021 o ensino público de 0 a 3 anos será de balde.

Outro acordo recollido no escrito é a posta en marcha da Comisión Especial do Bordo Litoral durante o mes de outubro, e o compromiso de coordinar este órgano presidido por Xiao Varela co Grupo de Traballo entre o Concello e a Autoridade Portuaria. Tamén en defensa do bordo litoral, levarase a Pleno en novembro a modificación do PXOM para garantir a natureza pública dos terreos da Solana.

Tamén se detallan os acordos para introducir descontos no billete de bus para maiores de 65 e menores de 25 anos, a apertura das Naves do Metrosidero segundo o modelo de xestión deseñado, e á continuidade dos Ozamentos Participativos.

Os avances conseguidos hoxe serven para manter o clima de confianza co que se iniciou o mandato, e sentarán as bases para a negociación dos Orzamentos 2020 no Concello da Coruña. Esta comisión reunirase con carácter bimestral para analizar o grao de cumprimento dos compromisos adquiridos.

Descarga o acordo da Comisión de Seguimento

María García: “O pacto á coruñesa entre a Marea e o PSOE amosa que toda a cidadanía se beneficia do acordo en políticas de progreso”