Saltar ao contido

O Goberno municipal encomenda á empresa pública Emvsa que estude a incorporación de parte do persoal deste servizo, para evitar as limitacións legais impostas polo PP

 

O goberno municipal da Coruña segue adiante para remunicipalizar as bibliotecas. É difícil, porque a lexislación do PP fai todo o posible por impedilo, pero pode conseguirse con vontade política. E a partir de mañá encomendaralle á empresa municipal Emvsa que se prepare para asumir unha parte do servizo, dentro do proceso de reordenación do modelo de xestión da rede municipal de bibliotecas que está a iniciar. Contémplase tamén que o Concello asuma de xeito directo os servizos centrais (que na actualidade se concentran no edificio municipal de Durán Loriga), e da dirección de todas as bibliotecas de proximidade. Deste xeito, rematarse coa dualidade no sistema de bibliotecas, que agora ten unha parte privatizada que provoca diferenzas graves, tanto no funcionamento interno como nas condicións laborais.

O goberno local quere superar, con todas as garantías xurídicas, o límite de contratación que o Goberno do Estado lle impón aos municipios, e que estaba a resultar o principal obstáculo para a remunicipalización. O Concello non podía asumir directamente os postos de traballo, pero si podería facelo Emvsa, por ser unha sociedade mercantil de titularidade pública. Os Orzamentos do Estado para 2017 permiten esta posibilidade, e o goberno local está disposto a aproveitala.

SGR_20170810_rolda_sande_G88B0668Tal e como asegurou o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, “mantemos a nosa aposta pola remunicipalización, coa vontade de buscar opcións e seguir adiante con ela, a pesar dos bloqueos do Goberno central. Con esta vía, ademais, garantimos os postos de traballo, algo que foi e segue a ser fundamental en todo o proceso”.

Dese xeito, Culturas aposta por manter a xestión dos servizos centrais das bibliotecas (situados en Durán Loriga) en mans de persoal funcionario, do mesmo xeito que os postos de dirección de todas as bibliotecas de proximidade: Ágora, Fórum Metropolitano, O Castrillón, Monte Alto, Rosales e a Sagrada Familia. As leis do PP non permiten facer o mesmo co resto do persoal, técnico e auxiliar, pero si existe a posibilidade de que o asuma Emvsa.

Máximas garantías fronte as interferencias do Goberno de Rajoy

Os procesos de remunicipalización en marcha en distintos puntos do Estado estanse a ver bloqueados polas interferencias da Avogacía do Estado, porque o PP está máis cómodo cando os servizos se atopan en mans privadas. Tamén o demostrou ao incluír na Lei de Orzamentos Xerais do Estado varias disposicións adicionais que entorpecen a contratación de persoal no caso de que un concello asuma a xestión directa dun servizo antes privatizado.

Por iso, José Manuel Sande indicou hoxe que o goberno local realizará “unha consulta aos órganos competentes da Administración Xeral do Estado, coa fin de garantir que o proceso estea avalado polos informes correspondentes e evitar ningún sobresalto”.

Seguridade a través dun contrato ponte

En paralelo, e de forma inminente, licitarase un contrato ponte que permitirá que as bibliotecas continúen a funcionar como ata o de agora mentres se avanza na remunicipalización. Durará un ano, coa posibilidade de prorrogalo por outro máis, e terá un importe de 2,4 millóns de euros anuais.

Este contrato transitorio estará operativo mentres dure o proceso, e irá reducindo a súa contía a medida que Emvsa (ou o Concello) vaia asumindo os postos de traballo. “Deste xeito favorecemos esa incorporación de traballadoras e traballadores e garantimos a súa seguridade xurídica”, subliñou.

O Plan Estratéxico de Bibliotecas amosa que facer municipal todo o servizo melloraría a súa eficiencia e permitiría incrementar as prestacións de cara á cidadanía. Unha rede de bibliotecas públicas tan ampla como a da Coruña require unha coordinación que non se pode acadar cando a metade está privatizado. Xestión pública para os servizos públicos, “É unha conta histórica pendente”, considerou José Manuel Sande.

Avances na remunicipalización das bibliotecas