Case vinte anos despois de que se anunciara por primeira vez, o barrio do Castrillón poderá contar cunha instalación deportiva xestionada dun xeito 100% público, tal e como foi deseñada polo goberno de Xulio Ferreiro
Os traballos xa poderían estar en marcha, pero PP e PSOE bloqueáronos no mes de abril, por motivos electoralistas
O grupo municipal da Marea Atlántica celebra que esta mañá, no Consello de Administración de Emvsa, se iniciasen por fin os trámites para sacar a concurso as obras do polideportivo do Castrillón, cunha fórmula de xestión 100% pública e co proxecto deseñado no anterior mandato. Así llo trasladamos hoxe á asociación veciñal do barrio, nunha xuntanza previa á da empresa municipal de vivenda.
Este paso dáse vinte anos despois de que se anunciara por primeira vez, sendo alcalde Francisco Vázquez, e case cinco anos despois de que o PP iniciara un proxecto deficiente e destinado á xestión privada, en lugar dun polideportivo municipal. As obras poderían ter comezado antes do verán, pero no mes de abril, cando o goberno de Xulio Ferreiro levou a proposta ao Consello de Administración de Emvsa, PP e PSOE buscaron unha escusa para bloqueala sen outro motivo que o interese electoralista. Por sorte, as trabas remataron e o Castrillón poderá ter unhas instalacións deportivas a altura do que demanda a veciñanza.
Fondos garantidos cun modificativo de crédito
Hai que lembrar, tamén, que se esta obra pode saír a licitación a pesar do bloqueo dos Orzamentos 2019, de novo a mans de PP e PSOE, é porque o goberno de Xulio Ferreiro impulsou o pasado mes de marzo un modificativo de crédito cos fondos suficientes para rescatar o proxecto.
Os usos do edificio, deseñados en colaboración coa Asociación Veciñal do Castrillón, repartiranse nunha superficie de máis de 3.000 metros cadrados, con pista polideportiva de baloncesto, voleibol e tenis, e cunha zona termal. As obras sairán a concurso cun prazo de execución dun ano e un prezo de partida de 2,3 millóns de euros. Confiamos en que o barrio poida ter xa o seu polideportivo antes de que remate o ano 2020.
O 19 de outubro, Rede de Barrio no Castrillón
O Centro Cívico do Castrillón será a sede da segunda Rede de Barrio da Marea Atlántica, o vindeiro sábado 19 de outubro, ás 12.00h. Alí analizaremos o proxecto para o polideportivo e tamén as obras que aínda quedan pendentes no barrio, pese a que se deixaron practicamente listas no anterior mandato: reforma da praza da Concordia e reurbanización da praza interior da rúa José María Hernansáez, ademais das propostas xa aprobadas nos Orzamentos Participativos: ludoteca no centro cívico do barrio, un ximnasio ao aire libre no parque de Oza, a humanización da rúa Rafael Bárez…