Saltar ao contido

María García: “A Coruña será unha referencia na loita contra o a crise climática, na que as cidades xogan un papel decisivo”

A Comisión de Seguimento dos acordos entre a Marea Atlántica e o PSOE da Coruña acordou dar, este mesmo martes, o primeiro paso para crear un operador enerxético 100% municipal, “guiado polos principios da xustiza social e a xustiza ambiental”, tal e como explicou hoxe en rolda de prensa a nosa voceira, María García.

Grazas a este pacto á coruñesa, o martes 17 de decembro, no Consello de Administración de Emalcsa, encomendaráselle á empresa pública o inicio do procedemento para ampliar as súas funcións e abastecer de enerxía limpa aos edificios municipais e a parte da cidadanía, sobre todo a aquela que se atope en situación de vulnerabilidade. O novo operador debería estar plenamente en funcionamento antes de que remate o ano 2021, como explicou María García, “para facer da Coruña unha referencia na loita contra a crise climática,  na que as cidades xogan un papel decisivo”.

A voceira da Marea Atlántica sinalou que esta nova empresa municipal ocuparíase, no marco da Lei do sector eléctrico, de adquirir enerxía nas mellores condicións de calidade, sustentabilidade e prezo, apostando polas fontes renovables. Ademais, garantiría o acceso ao subministro “para cubrir as necesidades básicas mínimas e suficientes en todos os fogares”, combatendo a pobreza enerxética, do mesmo xeito no que Emalcsa xa garante o mínimo vital de auga.

Mapa das Enerxías Renovables

Outra das tarefas do operador enerxético sería debuxar, antes de que remate 2021, un Mapa das Enerxías Renovables da Coruña, que estude a viabilidade de implantar sistemas de xeración renovables na cidade, sobre todo en edificios municipais, con sistemas fotovoltaico, solar, térmico, eólico, hidráulico, maremotriz… Así mesmo, a medio prazo, promovería instalacións de xeración de enerxías renovables para o autoabastecemento en vivendas.

O operador municipal de enerxía tamén servirá para fomentar a eficiencia e a redución do consumo, establecendo unha Oficina da Enerxía para asesorar á veciñanza nestas materias.

Tamén avanzamos na gratuidade das escolas infantís, a protección dos terreos da Solana, as bonificacións do billete do bus e a procura dunha solución para a veciñanza de San Vicente de Elviña afectada polo Ofimático

A comisión de seguimento dos acordos asinados en xullo, formada pola voceira municipal, María García, o vicevoceiro, Iago Martínez, e a representante da Coordinadora, Sabela Pérez, por parte da Marea Atlántica, e José Manuel Lage e persoal do gabinete de Alcaldía por parte do PSOE, avanzou tamén no calendario de cumprimento dos distintos compromisos.

Deste xeito, antes de que remate o ano formarase unha mesa de traballo para modificar o regulamento das escolas infantís municipais e facer gratuíto o ensino de 0 a 3 anos a partir do vindeiro curso. Este labor rematará no primeiro trimestre do ano 2020.

Tamén se creará outra mesa de traballo coas veciña e veciños de San Vicente de Elviña afectadas polo Ofimático, para tratar de buscar unha solución aos seus problemas, causados por un urbanismo inhumano en mandatos anteriores. Este organismo estará aberto ao outros grupos políticos, se desexan incorporarse.

De igual xeito, o goberno municipal reitera o seu compromiso coa introdución de bonificacións para maiores de 65 e menores de 25 no billete do bus; e no primeiro trimestre do ano levará a pleno a aprobación definitiva do cambio no PXOM para garantir que os terreos da Solana sexan públicos, blindándoos contra a especulación.

Boa sintonía nos Orzamentos 2020

Doutra banda, tanto María García como José Manuel Lage salientaron a “boa sintonía” coa que avanzan as negociacións dos Orzamentos 2020, nos que tras días de traballo constante, existen espazos amplos de entendemento.

Lembrou que a prioridade son as cinco liñas estratéxicas que anunciamos nun primeiro momento: emerxencia climática, mobilidade sostible, benestar de proximidade e igualdade, dereito á vivenda e xustiza cos barrios. “Quedan cuestións pendentes, que traballaremos nas vindeiras semanas ata chegar, agardamos, a un acordo par dotar á cidade duns orzamentos netamente progresistas”, segundo a voceira da Marea Atlántica.

Acordo da segunda comisión de seguemento

Proposta de creación dun Operador Enerxético Municipal

 

O martes, primeiro paso para un operador enerxético 100% público na Coruña