Saltar ao contido

Os grupos provinciais das dúas formacións presentan unha moción conxunta contra a disposición adicional 27 dos Orzamentos Xerais do Estado que pretende frear os procesos de municipalización

Os grupos provinciais de Compostela Aberta e Marea Atlántica presentaron hoxe unha moción que será debatida no próximo pleno da Deputación Provincial da Coruña, e que ten como obxectivo “rexeitar o intento do Goberno do Estado de interferir na autonomía da administración municipal”. Así o explicaron en rolda de prensa os deputados de Compostela Aberta, Manuel Dios, e de Marea Atlántica, Daniel Díaz Grandío.

Na moción conxunta solicítase aos grupos políticos con representación no Parlamento estatal que, durante a tramitación do Proxecto de Lei dos Orzamentos Xerais do Estado para 2017, deixen sen efecto o contido da Disposición Adicional Vixésimo Sétima, titulada “Limitacións á incorporación de persoal laboral ao sector público”. Tamén se insta á Federación Galega de Municipios e Provincias e á Federación Española de Municipios e Provincias a manifestárense en contra do mesmo texto.

 

Imposición ideolóxica contra as municipalizacións

Tal e como relataron Manuel Dios e Daniel Díaz, a Disposición Adicional 27 é “un ataque máis á autonomía local, un posicionamento a favor da empresa privada e contra os servizos públicos, e unha imposición ideolóxica da dereita contra os concellos doutras cores políticas”. Os deputados de Compostela Aberta e Marea Atlántica lamentaron o intento do Goberno do PP de “impedir a remunicipalización de servizos públicos, tanto das que están en marcha como futuros procesos”, e nese sentido lembraron que “hai procesos de remunicipalización en Concellos de España gobernados por distintos partidos, como o municipio coruñés de Arteixo, cun alcalde popular que tamén é deputado provincial”.

Ademais, incidiron en que a Disposición Adicional 27 pode atentar directamente contra os plans da Deputación da Coruña “que está comprometida no proceso de reversión ao público do servizo de extinción de incendios, mesmo cun acordo coa Mesa Intersindical, e a entrada en vigor desa disposición faría case imposible a subrogación de todos os traballadores afectados. O PP terá que decidir con quen ten maior compromiso, se cos traballadores ou con Montoro”.

Para os deputados provinciais de Compostela Aberta e de Marea Atlántica “a verdadeira intención do PP con esta proposta non é máis que favorecer ás grandes empresas concesionarias, ás súas contas de resultados e aos seus accionistas, blindando o negocio dos servizos públicos locais despois de ter privatizado as empresas públicas estatais”.

 

Último ataque dunha longa lista

Compostela Aberta e Marea Atlántica lembraron a Disposición Adicional 27 é só “o último dunha longa lista de ataques aos concellos e as Deputacións por parte do Goberno do PP”. Nese sentido, lembraron os déficits en materia de persoal das administracións locais e provinciais “que impiden prestar servizos de calidade aos cidadáns mentres Xunta e Estado seguen abdicando as súas competencias nos concellos”. Tamén puxeron o acento na prohibición de investir o superávit, “mesmo cando os concellos son as únicas administracións que cumpren co obxectivo do déficit fixado polo Estado”.

Compostela Aberta e Marea Atlántica reclaman o cese dos ataques á autonomía local por parte do goberno español