A pesar dos malos datos que se acumulan desde mediados de 2019, a única política de emprego que puxo en marcha Inés Rey foi o programa Coruña Suma, herdado do mandato da Marea Atlántica
O grupo municipal da Marea Atlántica vén de rexistrar unha pregunta cara o vindeiro Pleno, este xoves 13 de outubro, para que o goberno dea conta das súas políticas de emprego e das previsións para facerlle fronte ao incremento do paro é a redución da poboación ocupada durante este mandato. O concelleiro Alberto Lema explica que “os datos amosan que existe destrución de emprego na cidade nos últimos dous anos, unha situación ante a que cabería agardar novos programas de inserción laboral. Pero o único que se puxo en marcha foi Coruña Suma, deseñado polo goberno da Marea Atlántica. Total pasividade na área de Emprego”.
Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), entre o segundo trimestre de 2015 e o mesmo período de 2019, a poboación ocupada na Coruña pasou de 98.500 105.700 persoas, é dicir, un aumento de máis de sete mil persoas. Porén, entre esa data e o segundo semestre de 2022, a poboación ocupada rexistrou unha baixada de de tres mil persoas, situándose hoxe en 102.700.
Os datos do IGE tamén amosan que o número de persoas paradas na Coruña no 2º trimestre de 2015 era de 17.400 persoas, que pasaron a ser 11.500 no mesmo período de 2019, é dicir, practicamente 6.000 persoas menos en catro anos. Porén, no segundo trimestre de 2022 eran xa 15.600 as persoas sen emprego na nosa cidade, o que significa un incremento de máis de 4.000 nas listas do paro.
Nin novas iniciativas, nin continuidade do mandato anterior
Fronte a esta situación, é difícil de entender o descoidada que está a área de Emprego no goberno de Inés Rey, con dous titulares en tres anos e sen concellería propia nestes momentos. Alberto Lema analiza a situación e conclúe que “faltan programas adaptados á nova situación tras a crise da COVID, e o mantemento doutras iniciativas do pasado mandato, coas que se dinamizou o traballo do Concello en materia laboral. É o caso de Coruña Emprega, as xornadas polas innovacións nas políticas de emprego; as enquisas periódicas para coñecer a situación e evolución do mercado laboral na Coruña conveniadas coa UDC; os obradoiros de Emprego cofinanciados pola Xunta; a dinamización do Centro municipal de emprego ou a posta en marcha dun novo Plan de Emprego Local. “En definitiva, unha política de desleixo que ten consecuencias directas na vida das persoas”, afirma Lema.