Saltar ao contido

Maior importe e duración, menos trabas burocráticas e facela compatible con axudas como as pensións non contributivas: este é o noso plan para unha Renda Social adaptada á crise

María García: “A pandemia está a ter un impacto tremendo en moitos fogares que aínda non se recuperaran da precariedade da crise de 2008. Pero Inés Rey non os ten na súa axenda”

A voceira da Marea Atlántica, María García, e a concelleira Silvia Cameán presentaron hoxe en rolda de prensa unha proposta para ampliar a cobertura da Renda Social Municipal, adaptándoa ás necesidades que nos deixa a pandemia, simplificando trámites e procurando que chegue a máis persoas. Detallaron así unha das propostas que o noso grupo realizou para o novo plan de choque do Concello da Coruña, o Presco 2021, do que lamentablemente non se sabe nada a 19 de abril. Ante o aumento da desigualdade e os indicadores de pobreza, suxerimos facer a Renda Social compatible con outras axudas como as pensións non contributivas, aumentar a súa contía e minimizar a carga administrativa.

“A crise derivada da COVID19 medra cada día, cun impacto demoledor entre moitos fogares que non se recuperaran da precariedade que deixou a crise de 2008. A Renda Social Municipal pode darlles a axuda que precisan, por iso lle pedimos a Inés Rey que amose empatía con quen máis a necesita e atenda a nosa proposta”, sinalou María García. 

Pola súa banda, Cameán lembrou que a Renda Social Municipal foi creada polo goberno de Xulio Ferreiro en 2016 e que ata 2019 axudou a un total de 1.030 persoas que non tiñan dereito a outras prestacións. “Foi medrando ano tras ano ata que en 2020, xusto cando nos golpeou a pandemia, o goberno de Inés Rey baixou un 10% a execución deste programa. Se no 2019 chegaron a investirse o 96% dos fondos, en 2020 quedamos no 86%. Coincide co baixo dato de execución de toda a Área de Benestar Social, un 67%, o peor en décadas”. 

Por iso, puxemos sobre a mesa estas cinco medidas para ampliar a cobertura da Renda Social Municipal nestes momentos de emerxencia:

  1. Aumentar a contía, ata superar o limiar da pobreza, que se sitúa en 765 euros na cidade da Coruña. Hoxe, a Renda Social Municipal chega ata os 564 actuais fixados polo IPREM, un indicador que o Goberno do Estado segue sen actualizar. 
  2. Aumentar a duración de 18 a 24 meses, podendo renovarse aos dous meses se a situación de exclusión social non mellora.
  3. Maior compatibilidade con outras prestacións, como as pensións non contributivas ou as axudas de emerxencia social.
  4. Simplificar os trámites, aceptando unha declaración responsable e autorizando ao Concello a comprobar os datos necesarios, e eliminado consultas previas innecesarias. 
  5. Beneficiar a novos perfís: Complementar as bolsas comedor coa Renda Social Municipal, para loitar contra a pobreza infantil. Do mesmo xeito, completar as pensións non contributivas que non cheguen ao importe mínimo da RSM para coidar das nosas maiores. 

A maiores, debería garantirse a Renda Social como un dereito social, facendo incondicional o seu cobro e desvinculándoo da obriga de cumprir cun itinerario de inserción social. O itinerario pode manterse, se a persoa quere e como acompañamento en casos nos que sexa necesario pero en ningún caso poderá xustificar a perda da axuda.

“Nun ano de mandato, a Marea Atlántica creou unha nova prestación que lle deu unha oportunidade a moita xente. En dous anos, o PSOE nin sequera foi capaz de mellorar as que xa existen, e está a dar pasos atrás nos avances acadados durante o anterior mandato, amosando unha falta absoluta de iniciativa e valentía nas políticas sociais”, resumiu Cameán. 

Os fogares con dificultades aumentaron un 5%

Os datos sobre a pobreza e a desigualdade na Coruña son moi preocupantes. Segundo o Instituto Galego de Estatística, no primeiro trimestre de 2021 a taxa de fogares con dificultade para chegar a fin de mes aumentou en 5,7 puntos. 

A comezos deste ano, desapareceron 1.120 empresas dos rexistros da Seguridade Social na provincia da Coruña, as persianas seguen baixando cada día e mesmo multinacionais con beneficios millonarios, como Repsol ou Alcoa escollen despedir e desmantelar. Neste contexto, queremos trasladarlle todo o noso apoio ás vítimas da desindustrialización, ás familias vulnerables e  tamén aos sectores a quen máis lles pesan as restricións sanitarias, o comercio, a cultura e, sobre todo, a hostalería.

En palabras de María García: “Levamos meses avisando, e lanzando propostas de acción urxente no Concello da Coruña”. As nosas iniciativas para o Presco 2021 se centraban, precisamente, en axudar aló onde a crise está a golpear máis forte, axudando aos sectores económicos que máis o precisan, fomentando o emprego, a xustiza social e o dereito á vivenda. “Pero tememos que estes asuntos non están na axenda da alcaldesa. Por iso a 19 de abril seguimos sen este plan de choque prometido en xaneiro, sen Orzamentos e sen convenios coas entidades sociais 

Ante esta situación, a nosa portavoz rematou pedíndolle á alcaldesa “que escoite, xa non á Marea Atlántica, a toda a oposición que lle tende a man e á xente que o está a pasar mal. Moitas persoas precisan axuda do seu concello” .

É preciso aumentar a cobertura da Renda Social Municipal para responder á crise da COVID