Terían que estar xa convocados dende hai meses para incluílos nas contas do vindeiro ano
En xuño xa advertiamos de que precisan tempo para teren éxito como ferramenta de participación directa
A Marea Atlántica lamenta a ausencia dunha folla de ruta por parte do goberno local sobre a convocatoria dos Orzamentos Participativos, tal e como se acordou de cara a seguir avanzando nas negociacións dos Orzamentos 2022.
No último Pleno de xuño, o noso grupo municipal ofreceu a súa colaboración para que A Coruña teña uns orzamentos en 2022 e remate a situación de precariedade que vive A Coruña, por mor da decisión unilateral de Inés Rey de non elaborar uns orzamentos novos para 2021.
A Marea Atlántica pode garantir cos seus votos a maioría absoluta necesaria para aprobar uns orzamentos á altura dos retos actuais e das maiorías sociais. Segundo a voceira do Grupo Municipal da Marea Atlántica, María García: “A elaboración das contas de 2022 debería comezar por preguntarlle á veciñanza, e por iso puxemos especial urxencia na convocatoria dos Orzamentos Participativos, para que poidan artellarse nas contas do 2022. Estamos xa en agosto e logo das primeiras conversas, non hai un só movemento nin temos propostas concretas. Preocúpanos que a convocatoria xa non se poda executar coas garantías esixibles, que esta tardanza dilate a elaboración dos orzamentos municipais ou ambas as dúas cousas”.
A Marea Atlántica ten demostrado a súa disposición para chegar a acordos; agora hai que seguir avanzando na construción duns orzamentos para as maiorías sociais e falar de modelo de cidade, de políticas e deseño urbano, mesmo retomando osretos metropolitanos que A Coruña ten por diante. A cuestión portuaria formará tamén parte deste diálogo, para o cal se convocou unha xuntanza bilateral entre a Marea Atlántica e o goberno local para o vindeiro martes día 3 de agosto.
O Participativos, un dos acordos de investidura incumpridos
Tras catro convocatorias con crecente implantación na cidade e malia ser un dos acordos do pacto de investidura, en 2020 elimináronse os Orzamentos Participativos. Cómpre recuperalos e, hai que convocalos xa para reflectilos nas contas do ano que vén.
“Entre 2016 e 2019 A Coruña tivo nos Orzamentos Participativos unha porta aberta para que a xente escollese, sen intermediarios, unha parte dos investimentos do Concello. A veciñanza tiña un dereito que se consolidara durante catro anos, e que agora perdeu” Explicaba xa a comezos de xuño, María García.