Saltar ao contido
Aula de secundaria

O goberno galego rectifica ante as protestas de ducias de centros polo caos organizativo. Pretendía iniciar o curso en Secundaria, Bacharelato e FP sen horarios, nin aulas adaptadas, nin previsións reais para afrontar a pandemia

Sumámonos ás reclamacións da ANPA de Novo Mesoiro para incorporar a todo o profesorado do novo centro e desdobrar o grupo de 2º de Primaria


A Marea Atlántica denuncia a constante improvisación da Xunta na organización do regreso ás aulas, consumada hoxe co anuncio de que o curso en Secundaria, Bacharelato e FP comezará unha semana máis tarde, o 23 de setembro. “Era evidente que non se podía comezar coas aulas sen adaptar, sen horarios, sen as prazas do profesorado asignadas e sen recursos, pero o goberno de Feijóo non reaccionou ata que os centros de ensino se levantaron para protestar”, sinala a nosa voceira, María García.

Esixímoslle á Xunta de Galicia que se poña a traballar dunha vez para solucionar este caos, pero tememos que unha semana non será tempo suficiente. Despois de renovar completamente os altos cargos da Consellería de Educación ás portas do novo curso, de sacar da manga a proposta das clases semipresenciais sen concretar os detalles, e de mudar o protocolo a golpe de declaracións na prensa, a Xunta de Galicia volve sementar hoxe a confusión.

Como lembra María García: “O goberno de Feijóo logrou poñer de acordo a toda a comunidade educativa en que a súa xestión é un desastre. Só hai unha constante, a de non invertir un só euro en afrontar a emerxencia sanitaria”. 

Pese as reiteradas peticións do profesorado, ANPAS e sindicatos, a Xunta segue sen reforzar o profesorado, segue sen incorporar persoal de enfermería aos centros, e segue sen saber como adaptar as aulas para que o alumnado poida manter a distancia social e, ao tempo, recibir unha educación de calidade, presencial e garantista. Varios concellos están a ofrecer espazos para o seu uso, pero foron rexeitados irreflexivamente.

Abandono en Novo Mesoiro

Desde a Marea Atlántica apoiamos tamén as reclamacións da ANPA Monte do Muíño para que se dote ao colexio de Novo Mesoiro de todo o profesorado comprometido no seu decreto de creación e se desdobre o grupo de 2º de Primaria en dúas aulas, para poder cumprir axeitadamente os protocolos sanitarios fronte á pandemia de COVID19.

Deste xeito, non se incorporou aínda todo o persoal docente sinalado no decreto de creación do CEIP de Novo Mesoiro, un total de 28 persoas, nin hai previsións de facelo. Esta carencia de profesorado fai que haxa aulas baleiras mentres se concentra ao alumnado en grupos excesivamente grandes.

A Xefatura Territorial de Educación negouse a separar o grupo de 25 nenas e nenos de 7 anos, con dous casos con necesidades especiais, a pesar de ter aulas dispoñibles para facelo por ser un centro novo. A ratio desa aula xa sería problemática en condicións normais, pero na actual situación de pandemia é insostible. Esiximos unha solución inmediata.

Ademais, reclamamos a implicación do goberno municipal da Coruña neste caso, para apoiar un axeitado inicio do curso en Novo Mesoiro e en todos os centros da Coruña. Rexistramos unha batería de preguntas plenarias para coñecer a actuación do concelleiro de Educación, que a data de hoxe segue sen aplicar medida ningunha para unha volta ás aulas máis segura.

 

O atraso da volta as aulas volve amosar a improvisación permanente da Xunta