María García presentou unha nova batería para un Plan de Choque Social de proximidade, centradas nas persoas maiores e nos colectivos máis vulnerables ao confinamento
Estas propostas continúan as que xa presentamos o 18 de marzo, das que moitas seguen agardando. Urxe, sobre todo, o reforzo e ampliación dos servizos sociais
A Marea Atlántica presentou hoxe, na Xunta de Portavoces do Concello da Coruña, unha nova batería de propostas ao goberno municipal para a posta en marcha dun Plan de Choque Social na Coruña, que afronte as consecuencias da pandemia máis alá do eido sanitario. Entre outras cuestións, suxerimos a creación dun servizo de asistencia psicolóxica a distancia, e aberto a toda a veciñanza, mediante un convenio co Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes do Colexio de Psicoloxía de Galicia.
Nestes momentos, hai moitas persoas que poden precisar atención, tanto polos efectos do confinamento e pola atención de patoloxías psiquiátricas, como para atender quen ten familiares gravemente enfermos, ou falecidos, e non poden nin acompañalos nin pasar o proceso de duelo, entre outras situacións semellantes.
É parte dunha serie de propostas para reforzar a atención ás persoas maiores e os colectivos vulnerables, especialmente afectados polo confinamento. “Dentro das súas competencias, e desde a proximidade, o Concello pode e debe loitar tamén para protexer á cidadanía das consecuencias sociais do coronavirus”, salientou a nosa voceira, María García.
Reforzo urxente dos Servizos Sociais
O grupo municipal da Marea reiterou a súa colaboración coas actuacións que está a desenvolver o Concello, e a súa disposición para ampliar a resposta do Concello. Nestes sentido, “é fundamental o reforzo e ampliación dos Servizos Sociais para que non se vexan desbordados, e o goberno municipal pode contar cos nosos votos para aprobar os modificativos de crédito necesarios”, en palabras de María García.
Na nosa proposta tamén se inclúe a blindaxe de servizos como a teleasistencia, o talón restaurante e a comida a domicilio, cuxas beneficiarias son poboación potencialmente vulnerable. Non só hai que garantir a súa continuidade, senón empregalos para detectar posibles situacións de risco, tanto social como sanitario.
Tamén, cómpre insistir, é fundamental que o Servizo de Axuda a Domicilio para persoas maiores e dependentes chegue a quen o precisa, seguindo as recomendacións da Secretaría de Estado de Dereitos Sociais. Debe, de igual xeito, adaptarse ás novas demandas e reconfigurarse diariamente para ser máis efectivo. E coidar en todo momento da saúde de usuarias e traballadoras, cos materiais de protección axeitados.
Blindaxe do emprego nos contratos municipais
Estas medidas son unha ampliación das que xa presentamos o 18 de marzo. Algunhas, como o mantemento dos contratos municipais para evitar despedimentos, foron implementadas. Celebrámolo, pero instamos ao goberno municipal a fiscalizar ás empresas concesionarias e impedir a redución de postos de traballo.
Outras moitas suxestións aínda non se fixeron realidade, pese a situación de urxencia. E nestes días resulta especialmente importante garantir e ampliar prestacións como a Renda Social Municipal ou as axudas de emerxencia, a medida que máis persoas van perdendo as súas fontes habituais de ingresos por mor do confinamento. Para isto é fundamental a dotación de persoal necesario para a tramitación dos expedientes e das novas solicitudes.
Convidamos, unha vez máis, ao goberno da Coruña a estudar a paralización de todas as obras públicas non esenciais, como están a facer outros municipios, en nome da seguridade e a saúde.
Medidas para ampliar o Plan de Choque Social contra o COVID 19