Saltar ao contido

O alcalde da Coruña participou hoxe na Asemblea de Cargos Electos celebrada en Zaragoza, en defensa das liberdades e dereitos civís, e por unha solución política e dialogada para Catalunya

Desde a Marea Atlántica, condenamos á agresión a Violeta Barba, presidenta das Cortes de Aragón, a mans dun grupo de ultradereitistas, ante a pasividade da Delegación do Goberno

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña e cabeza de lista da Marea Atlántica, participou hoxe na Asemblea de Cargos Electos celebrada en Zaragoza, na procura dunha solución política e democrática para Catalunya, e en defensa das liberdades e dereitos civís. No polideportivo Club Siglo XXI, ante unhas 400 alcaldesas e alcaldes, senadores, deputadas, e concelleiras de todo o Estado, Ferreiro denunciou que “calquera demócrata preocuparíase pola deriva autoritaria que está a ter o goberno de Mariano Rajoy”.

A actitude do Partido Popular, que pretende resolver un problema político a golpe de Código Penal, “está a levar por diante valores e dereitos que son fundamentais e propios dun estado democrático. Pola presunta defensa da unidade de España, suspenden a liberdade de reunión, a liberdade de expresión, a inviolabilidade do domicilo e as comunicacións, a separación de poderes, o principio de autonomía, a independenza de xulgados e fiscalía, e mesmo a presunción de inocencia”.

 

 

Xulio Ferreiro afirmou que “no lugar de comprender a situación, escoitar e poñer ferramentas para acadar solucións dialogadas que resulten positivas para as maiorías sociais, o executivo de Rajoy está a reprimir e silenciar o sentir dunha parte da poboación. Fronte a iso, cómpre apostar polo diálogo e o entendemento como ferramentas para garantir que se respecte o dereito da cidadanía a decidir”.

Finalmente, asegurou que “estamos diante dun modelo esgotado, que non garante a convivencia dos pobos, nin os dereitos sociais nin unha vida digna. É necesario un novo pacto constituínte que respecte os dereitos dos pobos e de todas as persoas a decidir. A decidilo todo, non só o modelo territorial. Tamén o modelo económico, ou o modelo de dereitos cívicos”.

Condenamos a agresión contra a presidenta das Cortes de Aragón e a violencia ultradereitista

Mentres a Asemblea facía chamamentos ao diálogo e ao entendemento, un grupo de ultradereitistas concentrouse na porta do polideportivo Club Siglo XXI para insultar e intimidar aos cargos electos que participaban nela, e tamén á prensa que cubría o acto. A Delegación do Goberno de Zaragoza declarouse incapaz de garantir a seguridade e non fixo nada para disolver esta concentración que se producía entre insultos e amezas. A seguridade do recinto tivo que colaborar cos efectivos da Policía Nacional presentes para impedir que o pabillón fose asaltado.

Como consecuencia desta inacción, a presidenta das Cortes de Aragón, foi agredida cun botellazo na cabeza, e centos de persoas tiveron que agardar dentro do polideportivo a que os ultradereitistas se disolvesen por si mesmos. Desde a Marea Atlántica, a nosa máis rotunda condena a este feitos, consentidos polos representantes da seguridade do Estado.

Mentres o Partido Popular fala de “defender a legalidade”, dálle azos aos violentos e silencia as persoas que procuran o diálogo e o entendemento. Hoxe, nas portas da Asemblea, víronse claramente as consecuencias de esta actitude. Violencia, odio e intolerancia.

Xulio Ferreiro: “Calquera demócrata preocuparíase pola deriva autoritaria do goberno de Rajoy”