Saltar ao contido
Integrantes 'Títeres desde Abajo'

A Marea Atlántica, Barcelona en Comú, Compostela Aberta, Ourense en Común e Zaragoza en Común manifestan tamén seu apoio ao Goberno de Madrid

Fronte á desmesurada tormenta informativa, política e xudicial que desencadeou a representación dunha obra da compañía Títeres desde Abajo, programada polo Concello de Madrid nas festas de Entroido, as organizacións asinantes queremos declarar o seguinte:

  1. Dúas persoas inocentes foron privadas de liberdade durante varios días inxustificadamente, pola súa actividade como titiriteiros. Felicitámonos porque, grazas á presión social, acaban de ser postos en liberdade. A medida de prisión preventiva sen fianza era abusiva de xeito evidente. Aínda así, esta rectificación da Fiscalía é insuficiente e esiximos ademais a inmediata retirada dos cargos. Máis alá da inadecuación da obra La bruja y Don Cristóbal para un público infantil, trátase dunha peza que realiza unha crítica social desde a sátira e non hai nada no seu contido que xustifique as acusacións de enaltecemento do terrorismo. En ningun caso a obra contiña proclamas ou gabanzas a ETA, como algúns pretenden facernos crer. Pola contra, a escena denunciaba precisamente a utilización que algúns fan do terrorismo e as súas vítimas, co propósito de atacar á diversidade política e criminalizar aos movementos sociais. Do mesmo xeito que xa se expresaron xuíces, avogados e profesionais do mundo da cultura e os medios de comunicación, nós tamén rexeitamos esta caracterización delituosa do exercicio da liberdade de expresión, un dereito democrático irrenunciable, gañado con enorme esforzo ao longo do tempo.
  2. Estamos ante unha estratexia evidente para desestabilizar ao Concello de Madrid, xusto no momento no que se discute o futuro do Goberno do Estado. Quen fixo da corrupción e as políticas antidemocráticas os seus sinais de identidade, intenta frear o seu propio declive cos métodos máis sucios, mediante a manipulación, as medias verdades e a aplicación da mordaza á liberdade de expresión. Non se trata dunha polémica en torno á moralidade pública, nin dun problema xudicial, senón dun conflicto netamente político que se intenta facer estalar por canles antidemocráticas.
  3. Apoiamos á Concelleira de Cultura do Concello de Madrid, Celia Mayer, que adoptou medidas tras recoñecer a responsabilidade dun erro de programación na súa área de goberno. Por este motivo, viuse exposta a un ataque mediático e a unha gravísima denuncia interposta polo Partido Popular ante a Audiencia Nacional. Vemos así como actúa un partido que tras moitos anos de xestión corrupta reacciona intentando recuperar mediante o xogo sucio o apoio que a ciadanía lle está retirando.

En maio do pasado ano, as plataformas cidadás municipalistas entramos nos concellos impulsadas polo desexo maioritario dun cambio nas institucións, para recuperar a democracia e poñer en marcha politicas onde a prioridade son as persoas. Fixemos da transparencia, a rendición de contas e o fomento do escrutinio público un dos nosos sinais de identidade. E desde o primeiro día recibimos ataques de quen se atopaban moi cómodos coa situación anterior, desde todas as frontes. Non nos colle illadas, non nos colle soas. Non funcionarán os intentos de sabotar con artimañas os gobernos elexidos lexitimamente pola cidadanía. O futuro dos gobernos do cambio ha seguir estando exclusivamente nas mans da xente.

Estamos ao lado do Goberno de Madrid e ao lado dos titiriteiros, sobre os que pesa una acusación gravisima e inxusta.

Asinan:
Barcelona En Comú
Marea Atlántica
Zaragoza En Común
Compostela Aberta
Ourense en Común

Cinco plataformas municipalistas esixen a retirada dos cargos contra os titiriteiros detidos