Saltar ao contido

(Movementos do 17/03/2015 ao 15/09/2015)

Gastos

Importe
Alugueres 5.341,80 €
Informática e Fotografía 1.574,43 €
Actos 6.366,25 €
O 15 e Medios de Comunicación 8.148,38 €
Publicidade exterior 3.977,81 €
Paneis e outros 1,992,89 €
Varios 554,50 €
Total 27.956,06 €

 

Ingresos

Importe
Doazóns da plataforma 18.434,00 €
Adiantos a devolver 9.000,00 €
Petos 2.145,72 €
Total 29.579,72 €

 

Remanente

Importe
Total 2.045,63 €

 

Na Marea Atlántica, cando falamos de “transparencia”, referímonos a un compromiso real co dereito á información e coa calidade democrática. Non é só unha palabra para quedar ben, nin un truco de mans para distraer a vista das falcatruadas que se fan nos currunchos escuros. Poñemos a nosa actividade á vista para que a cidadanía poida fiscalizala e xulgar por si mesma. E, pasando das palabras aos feitos, detallamos as nosas contas entre marzo e setembro de 2015, un período no que se inclúe a campaña electoral.

A Marea Atlántica tivo neste semestre uns gastos de 27.956,06 euros, fronte a 29.579,72 euros de ingresos. A caixa, polo tanto, ten un remanente positivo de 2.045,63 euros.

Os ingresos deste período proveñen de tres fontes. A principal foi a plataforma dixital de doazóns que se puxo en marcha durante a campaña electoral, e a través da cal se recadaron exactamente 18.434 euros. Doutra banda, houbo adiantos a devolver por parte de persoas particulares, que achegaron 9.000 euros. E os petos situados en case todos os actos da Marea para solicitar contribucións obtiveron unha recadación de 2.145,72 euros nestes seis meses. Estas cifras representan a xenerosidade da cidadanía e da mareancia. A Marea non recorreu, en ningún momento, a solicitar créditos bancarios.

Polo que respecta aos gastos, hai tres capítulos especialmente relevantes. En primeiro lugar, o alugueiro de espazos, principalmente o do noso local na rúa Pontejos, tivo un custo de 5.341,80 euros. Os actos da campaña electoral custaron 6.366,25 euros, unha cifra na que ten especial peso o que se celebrou en Palexco o 12 de maio, e ao que asistiron máis de 1.500 persoas. E, tamén durante o período electoral, investíronse 8.148,38 euros en medios de comunicación. Aproximadamente un terzo desa cifra representa a inserción de publicidade en xornais e emisoras de radio. O resto empregouse en imprimir dous números da nosa propia publicación, O 15.

O resto do gastos repártense entre os 3.977,81 euros da publicidade exterior realizada durante a campaña, desde a impresión de carteis ata o mantemento do coche con megafonía; os 1,992,89 euros investidos en paneis e outros conceptos, nos que se inclúe a rotulación do local da Marea e a realización de chapas; e os 1.574,43 euros destinados a adquisición e mantemento de material informático e fotográfico. Ademais, cubríronse gastos varios por valor de 554,50 euros.

No remate do exercicio fiscal de 2015 ofreceremos outro informe do estado das nosas contas, e continuaremos a informar de xeito periódico. A Marea cumpre.

A Coruña, 4 de outubro de 2015

As contas claras