Saltar ao contido
Padroado F. Luis Seoane Maio 22

Saudamos o avance na designación dunha comisión para elaborar o catálogo razoado da obra de Seoane, pero botamos en falta que se lle asigne orzamento e un plan de traballo


En 2021, o gasto da dedicado ao legado do artista só representou 14.000 euros nun orzamento de 400.000: segue pendente convocar un padroado monográfico para debater sobre o rumbo da entidade

 

A Marea Atlántica insta ao goberno local a licitar, canto antes, as obras de impermeabilización necesarias para solucionar as filtracións na sede da Fundación Luís Seoane, imprescindibles para o normal funcionamento da entidade e para protexer o legado do artista. O orzamento de 2022 conta, grazas ao acordo co noso grupo, con máis de 600.000 euros para acometer estes traballos, pero esta partida xa fora incluída nas contas de 2020, aprobadas tamén grazas aos votos da Marea Atlántica, e non chegaron a executarse nos dous anos anteriores. 

Na xuntanza do Padroado da Fundación Luís Seoane, celebrada esta mañá, o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, lembrou que segue pendente a convocatoria dunha xuntanza monográfica para decidir o rumbo e os obxectivos da entidade. “Os datos amosan que é moi necesario”.

No balance presentado hoxe púidose comprobar que as actividades da fundación vinculadas ao legado do artista representaron en 2021 un gasto de 14.000 euros, dos máis de 400.000 que suma o orzamento total. “Ano tras ano, o traballo fundacional conta con poucos recursos orzamentarios, e a maioría non se executan. Ocorrerá o mesmo en 2022 se non se lle pon remedio”, resumiu Martínez. 

Finalmente, saudamos os avances á hora de crear unha Comisión Técnica para elaborar, por fin, o catálogo razoado da obra de Luís Seoane. Pero temos que lamentar que ao listado de persoas que formarán este novo organismo non se lle engada un cronograma de traballo nin un orzamento para facelo posible, como reclamara o Padroado en xuntanzas previas. 

Urxe axilizar as obras para solucionar as filtracións de auga na Fundación Seoane