Saltar ao contido

O deputado do Bloco de Esquerda portugués Pedro Soares; o biólogo Xabier Vázquez Pumariño; o deputado de En Marea Antón Sánchez; a politóloga Helena Martínez e a concelleira de Medio Ambiente, María García participaron nun faladoiro aberto sobre incendios e políticas forestais

Os incendios forestais son algo extremadamente complexo, que non sei vai resolver con declaracións rechamantes e coa persecución de tramas terroristas inventadas. Son un problema medioambiental grave, que ten que ver coa política forestal, coa despoboación do rural, coa industria madeireira e mesmo coa calidade das augas. Deben afrontarse con solucións a curto, medio e longo prazo que van moito máis alá dos imprescindibles equipos de bombeiros. E en Galicia non se está a facer.

Analizámolo  no faladoiro aberto ÁrdeNós, que a Marea de Medio Ambiente e Sustentabilidade organizou o 8 de maio na Fundación ONCE, coa presenza do deputado do Bloco de Esquerda portugués Pedro Soares; o biólogo Xabier Vázquez Pumariño; o deputado de En Marea no Parlamento de Galicia Antón Sánchez; e a concelleira de Medio Ambiente da Coruña, María García. Como moderadora estivo  Helena Martínez Cabrera, investigadora especialista en política forestal, que dirixiu o debate e as preguntas das case cen persoas que asistiron ao acto.

Galicia: Unha política forestal dos tempos do NODO

Para centrar o debate, Helena Martínez Cabrera ofreceu datos significativos de como se entende a política forestal en Galicia. Os recursos para extinción de lumes, e unicamente para extinción, aumentan despois das vagas máis terribles, como a de 2009 ou a do pasado outubro, que chaman a atención mediática. E en canto as cámaras viran para outro lado, comezan a reducirse ata que se repite o ciclo. “Non hai unha plafinicación, non hai traballo a longo prazo, só unha reacción ás catástrofes”, explicou a experta.

NO-DONeste sentido, Xabier Vázquez Pumariño asegurou que “a política forestal de hoxe ven herdada directamente do franquismo, cando comezaron as plantacións masivas de piñeiros e eucaliptos”, e para demostralo proxectou un documental do NODO de 1954 sobre a repoboación forestal na provincia de Pontevedra, cuxos argumentos resultan moi familiares a quen siga os discursos do presidente da Xunta. Podedes velo aquí. Lembrou, ademais, que “todos os gobernos autonómicos galegos , desde Rosón a Feijóo, falan de tramas ou terrorismo incendiario. Resulta absurdo reducir así un problema complexo, e só o fan para fuxir das súas responsabilidades” .

Pola súa banda, o deputado Antón Sánchez sinalou que son os intereses empresariais os que marcan a política forestal en Galicia: “A industria da madeira move 300 millóns ao ano. E a Xunta gasta 100 millóns anuais en extinción de lumes, moito máis que en dinamizar o monte”. Por iso, o goberno galego “ignora todos os anos a reforestación ilegal de milleiros de hectáreas con árbores pirófobas. E por iso o Consello de Contas denunciou que están a incumprir o seu propio plan forestal“.

Portugal: Unha situación moi semellante a Galicia, pero con novas ideas

Na súa quenda, o representante do Bloco de Esquerdas pintou un cadro da situación en Portugal que nos resulta coñecido en Galicia. Milleiros de minifundios desregulados e descoidados polo abandono do rural, nos que resulta imposible actuar para previr o lume logo de décadas de inacción. Porén, existe unha diferenza: que o goberno luso ten propósito de emenda.

Tras a terrible vaga de lumes de 2017, con medio milleiro de hectáreas queimadas e un cento de persoas falecidas, “a situación dramática conseguiu confrontar á opinión pública coa política forestal e levou ao goberno a tomar medidas”. Desde outubro, trabállase nas “dúas únicas solucións que son realmente efectivas na loita contra o lume: O ordenamento e a xestión forestal. Por iso a loita contra a despoboación rural ten que ser de interese público”.

Os lumes, un asunto tamén urbano

A concelleira María García lembrou que “levamos décadas e décadas de mal uso dos nosos montes e de malas políticas forestais, que agora se agravan por mor do cambio climático”. Podería semellar que os lumes son un problema que lle cae lonxe ás áreas urbanas, pero as lapas que cercaron Vigo no pasado mes de outubro demostraron ben que non.

Por iso o goberno da Marea Atlántica na Coruña renovou as súas políticas de prevención e loita contra o lume, centrándose non só na extinción, cunha normativa que facilita o traballo do corpo de bombeiros, senón tamén desde o coidado das parcelas rurais no municipio, que comezan xa en abril, sen esperar ao último momento.

photo_2018-05-08_20-39-17

ÁrdeNós, respostas complexas ao complexo problema dos lumes