Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

Silvia Caméán: “O ensino de 0 a 3 anos non é obrigatorio, pero é imprescindible contra a desigualdade. Grazas á colaboración entre a Marea e o PSOE, facémolo gratuíto” 

PP e Ciudadanos rexeitan a medida e critican o uso do galego como lingua vehicular, a pesar das numerosas recomendacións da ONU e o Consello de Europa

O Pleno do Concello da Coruña, que se volveu celebrar hoxe a porta pechada e con medidas para garantir a saúde do persoal municipal e os cargos electos, aprobou o novo regulamento das Escolas Infantís Municipais, froito do acordo entre a Marea Atlántica e o PSOE. A partir do vindeiro curso as EIM serán de balde para as 830 familias usuarias, terán o galego como lingua vehicular e menús saudables nos comedores, ademais de fomentar valores como a igualdade, o respecto á diversidade, e o coidado do planeta. En resumo, o ensino de 0 a 3 anos pasará a ser recoñecido como unha verdadeira etapa da educación pública, non obrigatoria, pero si imprescindible para combater a desigualdade.

Como sinalou a concelleira Silvia Cameán, “as representantes públicas temos o mandato de chegar a acordos para que a cidadanía gañe dereitos, e o pacto que nos leva a facer gratuítas as escolas infantis municipais é un exemplo claro, xurdido do entendemento entre a Marea Atlántica e o Partido Socialista. Fainos gañar dereitos e dálle ao ensino de 0 a 3 o valor que merece”. Será posible, ademais, por medio millón de euros anuais, a metade do que gasta o Concello en propaganda.  

Defender o galego é defender os dereitos humanos

O BNG votou a favor desta medida, pero PP e Ciudadanos abstivéronse e lanzaron un discurso claramente contrario. Criticaron con dureza que o galego pase a ser a lingua vehicular das escolas infantís, dun xeito que, en palabras de Silvia Cameán.

A concelleira lembrou que tanto o Consello de Europa como o  relator especial para as minorías da ONU, Fernand de Varennes, denunciaron a discriminación do galego e recomendaron implantalo en todos os niveis educativos. “Sen ningunha dúbida, temos claro que defender o galego é defender os dereitos humanos”.

O novo regulamento inclúe tamén o fomento de valores como a igualdade, o respecto á diversidade ou a protección do medio ambiente, que pasan a ser centrais na Rede de Escolas Infantís Municipais. Protéxense tamén os dereitos das traballadoras, tentando mellorar a súa precaria situación actual e recoñecendo a quen coida  e fai posible a vida.

En memoria das vítimas da pandemia 

O Pleno comezou cunha declaración institucional, asinada por todos os grupos políticos, en lembranza das vítimas do COVID-19 e en agradecemento a todas as persoas que axudaron a conter a pandemia. Como sinalou o concelleiro Iago Martínez na súa primeira intervención, trasladámoslle “toda a nosa forza ás familias que perderon a alguén, e a quen está a loitar contra o virus nestes momentos.

E o noso infinito agradecemento a todas as persoas que puxeron o seu corpo contra a pandemia, non hai balcóns abondo para recoñecerllo”. Referiuse tamén ao traballo que están a facer os Grupos de Apoio Mutuo da Coruña, cidadanía organizada para salvar vidas aló onde, lamentablemente, os servizos públicos non están a chegar”.

Pago das herdanza do vazquismo en Elviña

No Pleno aprobouse tamén un modificativo de crédito de 14 millóns de euros que, por desgraza, non se destinarán a un Plan de Choque Social contra os efectos da pandemia, senón que a maioría irán a pagar a sentenza polas expropiacións irregulares de Elviña, 12 millóns de herdanza de Francisco Vázquez. O grupo da Marea Atlántica abstívose porque, como explicou Iago Martínez, “o que tiñamos que estar a votar é un modificativo para axudar a quen está a recibir o impacto da crise”.

“As persoas afectadas polas expropiacións irregulares de Elviña teñen que cobrar as súas lexítimas indemnizacións, por suposto, pero non a calquera prezo. Foi o goberno quen decidiu priorizar este pago. Parecía unha boa idea en 2019, non o dubido, pero agora non o é”, argumentou Martínez, quen tamén lamentou que, de todas as partidas dispoñibles, o goberno municipal decida prescindir dos recursos previstos para adquirir A Solana.

Residencia de maiores en Eirís 

Outro asunto plenario foi o cambio de uso dunha parcela no Castaño de Eirís, para a construción dunha residencia de maiores a cargo da Xunta de Galicia. É unha boa nova que viña con letra pequena, como explicou o concelleiro Xiao Varela. “Emprégase un procedemento de urxencia, non sen riscos urbanísticos, para darlle tempo a Feijóo a facer propaganda electoral despois de once anos sen preocuparse polas residencias de maiores. E un edificio que, por certo, paga a Fundación Amancio Ortega”.

Varela sinalou que o método elixido “non blinda a natureza pública da parcela, e lembrou que a promesa desta residencia de maiores na Coruña escoitouse por primeira vez cando Carlos Negreira era alcalde. “O único real que se fixo, polo de agora, fíxoo o goberno da Marea Atlántica ao ceder unha parcela para a obra, parcela que a Xunta decidiu empregar na ampliación do CHUAC. Outro anuncio propagandístico que xoga cun proxecto necesario, e do que a veciñanza afectada segue sen ter novas por canles oficiais” .

Aprobado: Escolas Infantís Municipais de balde, en galego e con menús saudables a partir do vindeiro curso