Este instrumento é froito do acordo entre ambos os dous grupos para a aprobación dos Orzamentos de 2022, e responde a unha demanda do sector
Trátase dun organismo amplo e plural, pensado para darlle voz e voto ás entidades e asociacións culturais da Coruña, que poderá trasladar propostas e achegas de forma directa
O Concello da Coruña celebrou hoxe un Pleno Extraordinario no que se aprobou inicialmente a creación do Consello Municipal da Cultura, cos votos da Marea Atlántica e o goberno local, e froito do acordo entre ambos os dous grupos para a aprobación dos Orzamentos de 2022. Trátase dun organismo amplo e plural, pensado para darlle voz e voto ao sector cultural da Coruña, que poderá trasladar propostas e achegas de forma directa.
O regulamento do Consello Municipal de Cultura chegou ao Pleno tras sumar as propostas das entidades que participaron no acto de presentación da iniciativa no Teatro Colón, en abril, e foi aprobado hoxe sen emendas por parte dos grupos municipais.
O voceiro do goberno, José Manuel Lage, sinalou que “a cultura é sinónimo de riqueza e dinamización das cidades, que mereceu apoio deste goberno durante a pandemia, e que o seguirá merecendo agora”. Explicou que o novo Consello é un espazo de diálogo, que vén a sumar e non a substituír outros organismos.
Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica, saudou a creación do novo Consello como “a resposta a unha demanda do sector cultural, que reclamaba e agora terá un foro no que debater, participar e ter voz no impulso das políticas culturais desta cidade, un foro que agora se fai realidade”. E engadiu que “toda ferramenta que facilite a participación da veciñanza nas iniciativas do goberno supón un avance democrático”.
Un paso para favorecer o debate e a pluralidade
A aprobación do Consello Municipal da Cultura levouse a un Pleno Extraordinario por acordo entre o executivo local e a Marea Atlántica, pese a non ser un trámite obrigatorio, para favorecer o debate e o posicionamento de todos os grupos con representación no Concello e facilitar a súa implicación na iniciativa. O organismo estará presidido pola alcaldesa e terá unha vicepresidencia escollida polo tecido cultural. O seu Plenario está pensado para ter unha representación ampla e aberta de profesionais e asociacións culturais, xunto a todos os grupos políticos con representación no Concello.
Tras a aprobación inicial de hoxe, o regulamento do novo Consello terá un mes de exposición pública, no que a veciñanza da Coruña poderá facer alegacións para melloralo e completalo. Pasado ese período, volverá a pleno para a súa aprobación definitiva.
No marco do acordo entre o goberno e a Marea Atlántica, tamén entrarán en vigor este mes dúas novas medidas de apoio ao sector cultural coruñés: a convocatoria de bolsas de creación, con 180.000 euros de orzamento e un máximo de 10.000 euros para cada beneficiaria; e un novo programa de residencias artísticas no Centro Ágora e outros espazos municipais, dotadas con 150.000 euros.