A esixencia á Moncloa de 220 millóns máis no Orzamento 2022 e a demanda dun maior compromiso coa Igualdade no Concello recibiron un apoio unánime. Pero o PP negouse a votar a favor de que a Xunta aumente o seu investimento na cidade
As tres mocións presentadas polo grupo municipal da Marea Atlántica recibiron hoxe o apoio maioritario da Corporación Municipal no Pleno do mes de novembro. Dúas delas foron aprobadas por unanimidade, as que lle reclamaban maior investimento ao Estado na Coruña, e a que esixía o cumprimento dos acordos e da ordenanza de Igualdade, así como máis fondos para loitar contra as violencias machistas. A terceira, unha petición de que os Orzamentos da Xunta para A Coruña aumenten nuns 80 millóns de euros, recibiu o voto favorable de todos os grupos agás do PP.
A nosa voceira, María García, defendeu as dúas iniciativas relacionadas cos Orzamentos autonómicos e estatais, nas que facemos propostas que suman 300 millóns de euros de investimento na Coruña, e que trasladamos a todas as representantes parlamentarias da provincia. Insistiu en que “desde o conformismo que practican PP e PSOE cando o goberno é da súa cor, non imos conseguir nada, o primeiro debería ser sempre a defensa da cidade e a súa área metropolitana”.
Pediulle, ademais, ao Partido Popular, que deixen de empregar ao goberno da Marea Atlántica coma escusa para o maltrato de Feijóo cara á Coruña: “Van tres orzamentos da Xunta desde que non goberna a Marea, e o resultado é o mesmo. A pasarela de Marineda segue a ser un dos seus maiores investimentos”.
En canto a nosa iniciativa de Igualdade, foi unha chamada de atención ao goberno local sobre a necesidade de respectar os acordos nesta materia, así como a Ordenanza de Igualdade, que se incumpre sistematicamente. Con consecuencias coma unha sanción da Inspección de Traballo por carecer de Plan de Igualdade (o anterior caducou a finais de 2019). No mes do 25N, a concelleira Silvia Cameán sinalou que “a violencia machista tamén é unha pandemia: mais de mil mulleres foron asasinadas no Estado desde que hai estatística, e un informe do Ministerio de Igualdade sinala que unha de cada dúas sufrimos algunha forma de violencia machista nas nosas vidas”. Cos datos na man, fica claro que “a loita contra o machismo debe ser cuestión de estado, cun incremento dos fondos para combatela, tamén desde o Concello da Coruña”, en palabras de Caméan.
Falta de iniciativa en igualdade, emprego e rehabilitación
Na quenda de preguntas orais continuamos a falar de Igualdade, lembrándolle ao goberno local que ten unha chea de acordos sen cumprir neste eido, coma o de avaliar o impacto da crise da Covid desde unha perspectiva de xénero. Tamén a recuperación da Escola de Empoderamento Feminista, que chegou a traer á Coruña a figuras coma Silvia Federici, e a creación da Casa das Mulleres Marcela e Elisa, incluída nos Orzamentos 2020. “Non abonda con falar de Igualdade, hai que demostrar que é prioritaria. Se de verdade queren avanzar na construción dunha cidade feminista, poden contar con nós”, sinalou Silvia Cameán.
Alberto Lema, pola súa banda, preguntoulle ao concelleiro responsable de Emprego, Jesús Celemín, cal é a súa estratexia para fomentar a creación de postos de traballo no grave contexto actual, e a súa resposta pode resumirse en que non ten ningunha. Os datos tamén o confirman: a 25 de outubro, o 69% do orzamento de Emprego estaba sen executar.
“Deberían vostedes ter iniciativa, falar cos axentes sociais e renovar o Plan Municipal de Emprego. A situación mudou moito tras a pandemia, e non se pode abordar coma unha xestión rutineira e repetitiva. O seu único avance é o plan Coruña Suma, deseñado polo goberno da Marea Atlántica”, sinalou Lema.
Por último, o concelleiro Iago Martínez pediu explicacións sobre a falta de políticas de rehabilitación neste mandato: non se pediron axudas á Xunta para crear Áreas de Rehabilitación Integral, e ata decembro de 2020 non se convocaron subvencións con fondos propios do Concello. Un atasco do que tres anos despois xa non se pode culpar ao goberno da Marea.
Para Martínez, “o da vivenda é un problema complexo e urxente, no que as as solucións teñen que ser ambiciosas e integrais. Pero nese Plan Municipal polo Dereito á Vivenda que precisamos, a rehabilitación é unha peza clave, para mellorar a calidade dos pisos máis antigos e, sobre todo, para recuperar os 20.000 baleiros que temos na cidade”.