Saltar ao contido

Todos os grupos da Corporación apoiaron as nosas mocións e propostas no Pleno ordinario de marzo, coa única excepción do Partido Popular

O Pleno le unha Declaración Institucional condenando a invasión rusa da Ucraína e en solidariedade co pobo ucraíno, que o PP quixo dinamitar despois cunha moción partidista

O Pleno do Concello da Coruña aprobou hoxe as tres mocións presentadas polo grupo municipal da Marea Atlántica, en defensa dos medios comunitarios, das reivindicacións feministas que non poden esquecerse cando pasa o 8M e da conservación da Medusa no lugar para o que foi deseñada: os peiraos interiores. Foron apoiadas por todos os grupos presentes na Corporación, agás polo PP, nos tres casos. O Partido Popular, tras confirmar a súa alianza coa ultradereita en Castela e León, deixa claro que defender os dereitos sociais non está nas súas prioridades. 

A sesión plenaria comezou coa lectura por parte da alcaldesa dunha Declaración Institucional condenando a agresión da Federación Rusa ao invadir a Ucraína, e en solidariedade co pobo ucraíno, que contou con apoio unánime. Porén, o PP deu unha nova mostra da súa nula vontade de diálogo e presentou unha moción sobre o mesmo tema, tentando facer un uso partidista da guerra. A súa vergoñenta manobra quedou cortada cando PSOE e BNG apoiaron unha emenda da Marea Atlántica, que recuperou os termos da Declaración Institucional.

“Mentres Rusia rexeita o alto ao fogo, e masacra a cidade de Mariupol , chega o PP a facer política pequena. Deixen se empregar un conflito no que están a morrer milleiros de persoas para sacar réditos político e alimentar disputas partidarias”, sinalou a nosa voceira,  María García. 

García tamén  defendeu a moción relativa ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller, que se celebrou baixo o lema “Mulleres con dereitos xa”, pois os os dereitos, non as heroicidades nin as concesións, os que poden conseguir a igualdade real”. Lembrou que o ano pasado, un 75% das persoas que deixaron un traballo remunerado para coidar foron mulleres, e que as galegas cobran, de media 5.500 euros menos que os homes. “Falamos de invisibilización, desigualdade, violencias e machismo, e para combatelas todas as administracións teñen que poñer da súa parte e reforzar os servizos públicos, e cumprir as normativas e os acordos a prol da igualdade”. 

Medios comunitarios, as lontras da democracia

Pola súa banda, Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica, presentou a moción que solicitaba un maior apoio aos medios comunitarios na futura Lei Xeral de Comunicación Audiovisual do Estado. E citou a Mariano Fernández, presidente da Rede de Medios Comunitarios e veciño da Coruña, quen interveu hai pouco no Congreso dos Deputados e comparou a estes coas lontras, porque son criaturas pequenas, pero indispensables para o seu ecosistema. Ou, no caso dos medios cidadáns, fundamentais para a saúde democrática e a liberdade de expresión.

“Na Coruña temos a CUAC FM, que acaba de cumprir 25 anos, con case 500 programas ás costas. Unha lontra a que nin Feijóo puido eliminar. Pero é unha excepción, e non debería selo”, argumentou Iago Martínez. Precisamos que a nova Lei de Comunicación que garanta dereitos e apoio para os medios comunitarios. 

Finalmente, María García trasladou a iniciativa para que a Medusa non saia dos peiraos, onde forma parte da paisaxe e do patrimonio industrial. “Falamos dun espazo que naceu grazas ás protestas veciñais contra as descargas de carbón ao aire libre. Agora, coas súas enormes dimensións, ofrece tantas posibilidades para un uso público como dificultades para trasladala”, explicou a nosa voceira. 

A valentía de chegar a acordos

Doutra banda, o Pleno aprobou tamén de xeito definitivo a nova Ordenanza de Conservación e Rehabilitación de innobles, que se tramitara inicialmente en decembro, froito dunha iniciativa conxunta entre a Marea Atlántica e o goberno local. Hoxe resultou mellorada coa incorporación de emendas presentadas por un particular, que completan o texto normativo. 

O vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, sinalou que “o resultado final é un avance, aínda que nos tería gustado ir máis alá, con medidas que reforzaran a aplicación do rexistro de soares”. Lembrou, en todo caso, que “cando dúas forzas políticas diferentes negocian e chegan a acordos, iso implica renuncias. Pero tamén implican valentía, imaxinación e vontade, e iso foi posible. É algo que puidemos facer co concelleiro Juan Díaz Villoslada, con acordos que deben respectarse, e nun camiño no que agardamos poder seguir avanzando no futuro próximo”. 

O Pleno aprobou hoxe, ademais, o nomeamento de Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye como Fillos Adoptivos da Coruña, polo seu valente intento de protexer a Samuel Luiz Muñiz da brutal agresión homófoba coa que foi asasinado. Como sinalou Alberto Lema. “a presenza de cidadáns senegaleses coma Ibrahima e Magatte fai as nosas rúas máis seguras, o contrario do que din as posturas racistas que acotío escoitamos neste pleno cando se debate sobre seguridade”. 

Teatro María Casares

Na mesma liña, Lema defendeu, durante o debate das mocións, a proposta de mudar o nome do Teatro Colón polo de Teatro María Casares, e prometeu levala á Deputación da Coruña, institución responsable deste equipamento. “Xa hai moitos espazos no mundo dedicados a Colón, pero ningún a María Casares. Sería de xustiza que o primeiro estivese na súa cidade, no ano do seu centenario”. 

Tamén foron nomeados Fillos Adoptivos, de xeito póstumo, aos axentes da policía nacional José Antonio Villamor, Rodrigo Maseda y Javier López, coñecidos coma os Heroes do Orzán. Deron a súa vida para rescatar ao estudante eslovaco Tomas Velicky das augas da praia. Votamos a favor, ao igual que na decisión de outorgarlle rúas a dúas mulleres pioneiras, a astrónoma Antonia Ferrín e a porteira de fútbol Irene González Basanta. Tamén se recupera o topónimo tradicional da rúa de San Roque de Fóra

Agradecemos que o goberno retirase, polo momento, os cambios na denominación das rúas de Palavea, para consesualos coa veciñanza. Non obstante, lembramos que seguen pendentes outras homenaxes aprobadas no Pleno a partir de mocións da Marea Atlántica, coma Lois Pereiro, Mariquiña Villaverde ou as cigarreiras da fábrica de Tabacos.

Aprobadas as nosas mocións en defensa dos medios comunitarios, das políticas feministas e da conservación da Medusa no Porto