Saltar ao contido

O Consistorio realizou unha Declaración Institucional, a proposta do polo noso grupo, para denunciar as violencias machistas no mes do 25N

A petición da Marea Atlántica, os grupos políticos expresaron a súa solidariedade coas 100 persoas que perderon o emprego co peche de Isowat, nova coñecida durante o Pleno

O Pleno do Concello da Coruña aprobou hoxe, coa única abstención do PP, a proposta de ordenanzas fiscais trasladada polo goberno municipal e marcada polas iniciativas da Marea Atlántica. Supón outro paso máis no camiño da xustiza fiscal, iniciado e desenvolvido no mandato de Xulio Ferreiro. As principais liñas políticas destas novas ordenanzas saen das nosas propostas: progresividade e conciencia ambiental. “Esta é a herdanza da Marea Atlántica, e o valor dos nosos votos”, sinalou o vicevoceiro municipal, Iago Martínez. Na sesión plenaria tamén se lles trasladou apoio ás cen persoas que acaban de quedar sen traballo tras a confirmación do peche de Isowat, e aprobouse unha Declaración Institucional contra as violencias machistas, ambas cousas por iniciativa da Marea.

Deste xeito, a partir de 2020  a cota cero na taxa da auga, vixente desde 2015 e ampliada en 2017 ás tasas de lixo, saneamento e depuración, chegará a máis persoas a partir de 2020. Xa se lle aplicaba a quen percibía a Risga, a Renda Social Municipal ou prestacións equivalente, mentres que agora, en recoñecemento do Dereito Humano á Auga, chegará a todas as familias que teñan ingresos iguais ou inferiores ao IPREM (537,84 euros ao mes por persoa). Nesas mesmas taxas, tamén se amplía a bonificación do 75% para os fogares que non chegan ao 1,5 do IPREM.

É un xeito de garantir o mínimo vital de auga que recomenda a Organización Mundial da Saúde, 100 litros por persoa e día, e unha medida de xustiza social que chega a quen máis a precisa. “Consolídase o compromiso adquirido no pasado mandato de non cortarlle a auga aos fogares en risco de vulnerabilidade”, explicou Iago Martínez.

Tamén se dá un primeiro paso para introducir a filosofía do pago por xeración de residuos, coa bonificación do 50% da taxa do lixo para quen instale e empregue composteiros, tanto individuais como colectivos. Posteriormente, reforzarase tamén a Inspección Tributaria con dúas persoas, para combater mellor a fraude, tal e como propuxo a Marea Atlántica, e tal e como se incluía no proxecto de Orzamentos para 2019, bloqueado pola oposición no anterior mandato.

Cómpre salientar, ademais, a proposta do PSOE para subirlle o Imposto de Actividades Económicas á refinería de Bens, propiedade de Repsol. O resto de medidas introducidas polo goberno son axustes mínimos e fundamentalmente técnicos, sen contido político.

 

Medidas ás que non renunciamos: adeus ao copago no SAF

Non todas as nosas propostas foron aceptadas. Quedan pendentes algunhas, ás que non renunciamos, como a exención do IBI ás vivendas de titularidade municipal, ou a elaboración dun censo de vivendas baleiras na Coruña, para situalas de xeito claro. Pero a máis significativa é a eliminación do copago no Servizo de Axuda no Fogar, imposta pola Xunta dun xeito que invade as competencias municipais. “Do anterior mandato quedou feito o traballo técnico, xurídico e económico, e o goberno do PSOE faría ben en aproveitalo para beneficiar a 1.400 persoas”, sinalou o noso vicevoceiro.

Durante o debate, Iago Martínez lembrou que durante o anterior mandato tiveron lugar unha serie de cambios fiscais, “sempre no mesmo sentido, o da xustiza fiscal e ambiental”, entre as que salientan baixar o IBI o máximo posible nas vivendas protexidas e ás familias numerosas, a penalización no IVTM dos vehículos máis contaminantes, e, como xa se indicou, a baixada da factura de Emaclsa e a cota cero para as persoas en situación de vulnerabilidade. Tamen se incrementou o IBI ás vivendas baleiras, pero tristemente non pode aplicarse ata que a Xunta e o Estado fagan a súa parte e lexislen sobre este tipo de inmobles, permitindo aos concellos penalizalos pola vía fiscal.

O Pleno comezou cunha Declaración Institucional, proposta pola Marea Atlántica, para condenar as violencias machistas, a poucos días de celebrar o 25N, Día Internacional pola erradicación da violencia contra a muller. No texto garántese que o Concello da Coruña, desde a proximidade do municipalismo, continuará a desenvolver todos os seus programas e recursos para apoiar ás mulleres e combater o machismo en todas as súas formas, tan implantadas na nosa sociedade.

Apoio ás 100 persoas despedidas co peche de Isowat

Durante a sesión plenaria coñeceuse a noticia do peche definitivo de Isowat, que deixa a cen persoas na rúa e afonda na crise industrial que está a vivir a nosa comarca. Pecha unha empresa rendible e con carga de traballo, ante a absoluta pasividade da Xunta e o Estado. Nin Pedro Sánchez cumpriu a súa promesa dun estatuto electrointensivo, nin Feijóo moveu un dedo para apoiar á empresa. As instalacións de Isowat en Medina del Campo seguen funcionando en mans doutra empresa, e foi precisamente grazas á implicación do goberno autonómico de Castela e León.

Desde o pazo de María Pita propuxemos unha mostra de apoio e solidariedade coas cen familias afectadas, que foi atendida polo conxunto da Corporación, ao igual que a reclamación de medidas urxentes para facerlle fronte á emerxencia industrial.

Dúas mocións aprobadas

Na quenda de mocións, a nosa proposta para condenar os recortes da Xunta en materia de atención á diversidade no ensino público foi aprobada por todos os grupos agás o PP. “Hai oito colexios da Coruña, como mínimo, que perdero profesorado de audición e linguaxe e apoio ao alumnado con necesidades especiais, e o único que ofrece a Xunta son parches”, sinalou Silvia Cameán, recollendo as protestas das ANPAS nas últimas semanas.

Foi igualmente aprobada a moción da Comisión en Defensa do Común, que trasladamos ao Pleno xunto co BNG, para pedir a devolución gratuíta dos terreos do Ministerio de Defensa na Maestranza, aínda que coa abstención do resto dos grupos, que non quixeron implicarse. “Instamos tamén á Xunta de Galicia a aumentar a zona de protección da muralla histórica, fixado en 1944, para incluír a Maestranza e impedir a especulación”, dixo Xiao Varela.

Lamentablemente, foi rexeitada a nosa moción na procura dunha solución política e dialogada en Cataluña, en defensa dos dereitos civís e contra o discurso do odio “A golpe de sentenza non se vai resolver a situación catalá”, sinalou Alberto Lema.

O Pleno aproba as novas ordenanzas fiscais impulsadas polas propostas da Marea Atlántica