Saltar ao contido

O goberno de Inés Rey só deixou unha semana para a escolla previa das propostas cidadás, que logo serán avaliadas tecnicamente. É o primeiro momento de participar

María García: “Grazas á presión da Marea Atlántica, recuperouse un dereito gañado no pasado mandato. Aínda que con prazos máis curtos, a veciñanza respondeu presentando un 20% máis de propostas ca na última edición”

A Marea Atlántica convida a toda a veciñanza da Coruña a participar na fase de apoios dos Orzamentos Participativos, que se mantén aberta ata o 25 de outubro, e que nesta edición foi reducida polo goberno de Inés Rey a un terzo do prazo habitual: pasou de 21 días a tan só oito. É o momento de decidir A Coruña que queremos e apoiar as propostas para o noso barrio e o conxunto da cidade, entre as que se repartirán 2,5 millóns en investimentos para o ano 2022.

“Celebramos que, grazas á presión da Marea Atlántica nas negociacións co PSOE, se recuperase un dereito para a cidadanía, aínda que este ano sexa con demora na convocatoria e con prazos máis curtos”, explica a nosa voceira María García. E sinala que “pese a todo, a veciñanza respondeu e amosou que este dereito está consolidado, presentando 733 propostas, un 20% máis que na edición de 2019”, xa que en 2020 non se convocaron os Orzamentos Participativos. 

Do apoio á votación final

Os apoios poden realizarse na web https://nacorunacontas.coruna.gal/ e servirán para priorizar as ideas que se presentaron na fase de achegas. As que reciban un maior pulo, serán avaliadas para comprobar a súa viabilidade, custo e encaixe legal. As que sexan tecnicamente posibles, pasarán á votación final, do 17 ao 24 de novembro (outro prazo reducido desde as edicións anteriores). Así, aínda que Inés Rey acurtou os tempos e reduciu os fondos en 500.000 euros (de 3 millóns en 2019 a 2,5 millóns hoxe), convidamos a veciñanza a facer escoitar a súa voz. 

Xa o fixo, e dun xeito claro, nestas 733 propostas achegadas na primeira fase dos Orzamentos Participativos, nas que as melloras do espazo público, a creación de zonas verdes e a mobilidade sostible teñen un peso decisivo. O goberno local debería estar disposto a escoitar estas reclamacións. 

O regreso dos Orzamentos Participativos é unha boa nova, porque consolida un dereito gañado pola xente da Coruña, e porque permite que a cidadanía escolla de xeito directo unha parte do investimento do Concello. A súa recuperación serve para cumprir un dos acordos entre a Marea Atlántica e o PSOE para a investidura da alcaldesa. E frea nunha pequena parte o retroceso en políticas participativas que se experimentou desde o cambio de mandato. 

Convidamos á veciñanza a participar na fase de apoios dos Orzamentos Participativos, para decidir A Coruña que queren