Saltar ao contido

A multinacional Teleperformance traslada a central de chamadas a Colombia, destruíndo emprego na procura de condicións aínda máis precarias 

O xoves ás 17h, estaremos na concentración convocada polos sindicatos ante a sede da empresa, no número 5 da rúa Newton

O voceiro provincial da Marea Atlántica, Alberto Lema, mantiveron hoxe unha xuntanza con representantes do Comité de Empresa Teleperformance, multinacional que ata o de agora prestaba o servizo de atención ao cliente de Naturgy desde A Coruña, pero que xa anunciou a súa intención de deslocalizalo nun 80% a Colombia. Deste xeito, case 120 persoas perderán o seu posto de traballo na nosa cidade, mentres a empresa procura multiplicar os seus beneficios precarizando o emprego. 

O xoves 28 de xullo, ás 11 h, os sindicatos convocarán unha concentración ante a sede da empresa, no número 5 da rúa Newton (polígono da Grela) e asistiremos para darlles o noso apoio ás súas demandas.

“Falamos dunha empresa que tivo o ano pasado 4 millóns de euros en beneficios, por non falar de Naturgy. Poden asumir perfectamente o custo do servizo de atención ao cliente, mantendo ao persoal que leva anos prestándoo con calidade. Pero elixen levalo a un país con soldos máis baixos e peores condicións laborais para facer aínda máis caixa”, resume Alberto Lema. 

Lembremos que Naturgy se aproveita da infraestrutura e a clientela da antiga Unión Fenosa, que instalou a súa central de atención telefónica na Coruña hai máis de 25 anos, chegando a empregar a máis de 500 persoas. “Agora, tras varias reducións e recortes, son unhas 140 traballadoras e traballadores quen atenden as chamadas a Naturgy desde a Coruña. Só se manterán 20 persoas na cidade, o mínimo para manter o servizo en galego”, explica o concelleiro. E engade que “Naturgy, non contenta con explotar os recursos de Galicia para vender enerxía fóra, agora apoia unha deslocalización do emprego”. 

Dúbidas sobre a protección de datos persoais

Este traslado a Colombia esperta, ademais, dúbidas sobre o que pode ocorrer co tratamento dos datos persoais da clientela de Naturgy, pois a lexislación no país latinoamericano é moito menos restritiva que a da Unión Europea a respecto da privacidade. 

O telemárketing é un sector precarizado e feminizado, onde a explotación e os abusos laborais están á orde do día. Pero agora, coa deslocalización, Teleperformance vai un paso máis alá nos abusos. 

Todo o noso apoio ás 120 teleoperadoras que perderán o seu traballo na Coruña pola deslocalización do servizo de atención de Naturgy