Estaremos presentes na manifestación convocada pola Plataforma SAF Galicia, este 19 de decembro en Santiago de Compostela, e convidamos á veciñanza a participar
A axuda no fogar é fundamental para as persoas dependentes, pero a Xunta mantén un modelo que coida máis os beneficios das empresas que a calidade do servizo
A Marea Atlántica quere transmitir o seu apoio ás reivindicacións laborais e sindicais que están a facer as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar en toda Galicia. Desenvolven unha labor de coidados que é fundamental para que moitas persoas dependentes teñan unha vida digna, pero fano con salarios baixos e en condicións de precariedade. Por iso, animamos a toda a cidadanía a participar na manifestación convocada pola Plataforma SAF Galicia para o vindeiro domingo, 19 de decembro, con saída ás 12h desde a Alameda de Santiago.
O Servizo de Axuda no Fogar, regulado pola Xunta e xestionado polos Concellos, precisa un maior compromiso co emprego e coas persoas usuarias. “As traballadoras do SAF, maioritariamente mulleres, tiveron un papel absolutamente fundamental durante a pandemia. A pesares de non contar cos recursos suficientes encargáronse do coidado de moita xente vulnerable nun momento extremadamente difícil. É hora de que aqueles traballos que sosteñen da vida sexan recoñecidos como merecen”, argumenta a concelleira Silvia Cameán.
Por iso, solicitámoslle ao goberno local inclúa claúsulas sociais nos contratos para mellorar as condicións laborais das traballadoras do SAF e á Xunta de Galicia que amplíe financiamento do prezo/hora que achega aos Concellos do SAF mediante o Plan Concertado. Reclamamos mellor coordinación entre as Administracións e un pacto en defensa da atención á dependencia que pase por incrementar os recursos económicos. Un maior investimento debe traducirse en melloras para as familias e as traballadoras, non en máis beneficios para as empresas.
A implicación do Concello da Coruña
De igual modo, levamois tempo reclamando que se elimine o copago que lastra hoxe a axuda no fogar, unha barreira que máis que axudar a financiar o servizo, impide que as persoas con menos recursos podan usalo. Vén da normativa da Xunta, e os concellos son os encargados de executalo, aínda que poderían cubrir o custo.
“No anterior mandato, o goberno de Xulio Ferreiro elaborou un expediente para a eliminación do copago, que foi ditaminado favorablemente polo Tribunal Económico-Administrativo Municipal: custaría 600.000 euros e beneficiaría a 1.500 familias. Só falta que o goberno de Inés Rey continúe o camiño andado. Para isto sabe que pode contar co noso apoio”, engade Silvia Cameán.
Desde o Concello, tamén se fai necesario fiscalizar ás empresas que prestan o SAF, para garantir que se cumpren as condicións laborais e que o servizo se presta nos termos axeitados, cun Plan Individualizado de Atención e evitando os excesivos cambios de auxiliar nos domicilios.
En futuros contratos, deberían introducirse cláusulas sociais que premien a creación de emprego de calidade. De feito, está pendente ampliar o servizo a 160 persoas máis, cun novo contrato que formou parte dos acordos da Marea Atlántica e o PSOE para os Orzamentos, así como un novo servizo de lavandería a domicilio para persoas maiores de 80 anos, que cubriría uns 200 fogares.