Poñemos os nosos votos a disposición para aprobar as medidas que sexan necesarias, priorizando ás persoas máis vulnerables
Trasladámoslle todo o noso agradecemento ao persoal sanitario e investigador que, a pesar dos recortes e a precariedade, está a loitar contra a pandemia en primeira liña
O grupo da Marea Atlántica trasládalle ao goberno municipal o seu total apoio ás medidas xa tomadas para afrontar as consecuencias da pandemia de coronavirus, e a súa total disposición para aprobar outras que poidan ser necesarias. Diante desta emerxencia sanitaria, facilitaremos todas as decisións necesarias para reforzar os servizos sociais, a seguridade laboral e o coidado da saúde pública, priorizando ás persoas máis vulnerables.
Así llo trasladou a voceira da Marea Atlántica, María García, a alcaldesa Inés Rey, na Xunta de Portavocías, e así o reiterou o vicevoceiro, Iago Martínez, no Pleno Extraordinario que se celebrou esta mañá, onde tamen mandou un agradecemento a todo o persoal sanitario e investigador “que coida de nós poñéndose na primeira liña da loita contra a enfermidade, a pesar dos recortes e a precarización de servizos básicos para a vida”.
Medidas para as persoas máis vulnerables
As competencias municipais son escasas en materia sanitaria, pero as consecuencias da pandemia vanse deixar notar alén do ámbito sanitario. Servizos como a asistencia no fogar, as bolsas comedor e o coidado das persoas maiores e a infancia van ter que adaptarse. E a receita debería comezar por protexer a quen máis o necesita, non por repetir as desastrosas medidas que se aplicaron na recesión do 2008 e das que aínda non conseguimos recuperarnos.
Neste eido, o goberno municipal pode contar coa nosa total colaboración e actuación responsable. Desde a Marea Atlántica, xa desde o mércores, estamos a tomar medidas para limitar as reunións e actividade presencial ao mínimo imprescincible.