Saltar ao contido

A formación  municipalista ve imprescindible que os orzamentos municipais para 2025 supoñan un verdadeiro cambio de rumbo, sen escusas nin fogos de artificio, na política local de vivenda

Advirte á alcaldesa de que a regulación dos pisos turísticos mediante unha ordenanza, sen modificar antes o PXOM, pode conducir ao mesmo fracaso xudicial que se deu en Donostia

Milleiros de persoas saíron ás rúas esta fin de semana en varias capitais españolas para reclamar o que os poderes públicos non están garantir, particularmente entre a xente moza: o dereito constitucional a unha vivenda digna e adecuada. Convocadas por unha fronte ampla de organizacións sociais liderada polos sindicatos de inquilinos e inquilinas, as protestas son só un primeiro paso. Nos próximos días replicaranse noutras localidades e poderían dar lugar a unha folga de alugueiros. A Marea Atlántica comparte a frustración expresada polo movemento, celebra o éxito das protestas e chama a todas as forzas políticas con representación municipal, tanto no goberno como na oposición, a tomar nota.

O malestar cidadán é o resultado das insoportables dificultades de acceso á vivenda, un calvario para milleiros de persoas, mais tamén de anos de promesas incumpridas, políticas cosméticas e tirapuxas estériles entre partidos e administracións como a que veñen protagonizando PSOE e PP no Concello da Coruña e a Xunta de Galicia. Facerse cargo dese “acabouse” co que se convocaron as manifestacións da fin de semana supón pasar urxentemente da retórica aos feitos en todas as administracións, tamén na local. A Marea Atlántica cre que os próximos orzamentos municipais deben atender ese chamado con novas medidas e investimentos no campo da vivenda. Ninguén comprendería, aseguran dende a formación, que a bancada progresista ignorase a mensaxe das rúas.

Pisos turísticos: lenta resposta a un problema urxente

O debate orzamentario debería ser un punto de inflexión na política local de vivenda, definida dende a chegada de Inés Rey e o PSOE a María Pita polo negacionismo, primeiro, e polo desleixo, despois. Boa proba disto é a cuestión dos pisos turísticos. Tras cinco anos negando a mera existencia do problema e bloqueando todas as iniciativas e propostas da Marea Atlántica para abordalo –mentres os alugueiros subían máis dun 37% e a oferta se desangraba–, a alcaldesa vén de recoñecer que, efectivamente, a proliferación incontrolada deste tipo de negocios reduce as opcións dispoñibles e incrementa os prezos. Lamentablemente, a resposta política a esta súbita revelación volve ser lenta, serodia e trapalleira e pode acabar nun sonoro fracaso.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) é o instrumento que regula os usos do solo nun municipio. O da Coruña, a día de hoxe, carece de disposicións específicas para as chamadas Vivendas de Uso Turístico (VUT), un fenómeno que non acadara a súa actual envergadura cando o plan se aprobou definitivamente en 2013. Isto, sumado á política de barra libre que segue a Concellaría de Urbanismo, é o que está a amparar o proceso de substitución de vivenda convencional pola turística na cidade. Como ten reiterado a Marea Atlántica, cómpre modificar o PXOM e declarar antes unha moratoria dun ano para a implantación de novos estabelecementos. Estes períodos de suspensión están previstos na lei e pretenden evitar que durante o trámite se consoliden situacións que logo resulten ser contraditorias coa nova normativa.

Pau xudicial en Donostia

No canto de seguir este camiño, a alcaldesa Inés Rey porfía nunha folla de ruta prexudicial para o dereito á vivenda e talvez para os intereses municipais. Primeiro, porque todo o tempo perdido polo Concello é tempo que o sector gaña para crecer, de maneira que a situación que se pretende ordenar é, cada semana que pasa, máis difícil de ordenar. E segundo, porque a experiencia doutras cidades demostra que aprobar unha ordenanza sen modificar antes o PXOM pode ser unha vía morta. O Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco, nunha decisión que logo referendou o Supremo ao non admitir o recurso municipal, anulou a regulación de Donostia precisamente por ese motivo.

A Marea Atlántica celebra as mobilizacións polo dereito á vivenda desta fin de semana e chama a todas as forzas políticas da Corporación coruñesa a facerse cargo do malestar