Só o PP votou en contra desta iniciativa que lle reclama á Xunta que se sente a negociar cos colectivos sanitarios e remate coa precariedade e os recortes no Servizo Galego de Saúde.
O grupo municipal da Marea Atlántica presentou no pleno do 1 de abril de 2019 esta moción en apoio á folga da Atención Primaria e en defensa dunha sanidade pública digna, que foi aprobada cos votos en contra do PP.
Os días 9, 10 e 11 de abril as organizacións sindicais convocan folga na atención primaria para poñer de manifesto a profunda preocupación pola situación que se está vivindo no conxunto da Atención Primaria, e para solicitar que se abra un marco de negociación coa Administración Sanitaria co obxectivo de conseguir unha Atención Primaria digna, cunha organización propia que poida xestionar o orzamento e os recursos humanos necesarios para facer o seu traballo en condicións de dignidade, tanto para os pacientes, como para as e os profesionais, encamiñado a acadar un novo acordo sobre a mellora da Atención Primaria que inclúa a tódalas categorías.
Durante o mes de setembro, do ano pasado, xa presentamos neste Pleno outra moción denunciando a situación nos PAC´s e na Atención Primaria. Pero a situación continúa sen subsanarse. A Xunta de Galicia fai oídos xordos a unha situación de absoluta emerxencia sanitaria.
Na nosa cidade continuamos sen dotación de persoal en xinecoloxía no COF do Ventorrillo e agora no COF de Orillamar sen que a Xunta respecte a saúde sexual e reproductiva das mulleres. O centro de saúde de Novo Mesoiro continúa sen servizo de pediatría e matrona. As baixas e vacacións nos centros de saúde da cidade continúan sen cubrirse. O PAC da cidade sigue absorbendo a falta de cobertura dos servizos de pediatría en Labañou, Novo Mesoiro e Mallos, e igualmente son os encargados de atender ás persoas que non acuden a súa médica de cabeceira por atoparse os centros de saúde saturados ao non cubrir as vacacións das profesionais.
E o sorprendente é que a Administración responsable, co señor Núñez Feijoo á cabeza, negue a existencia de esta problemática e negue a existencia dunha folga mesmo cando xa foi convocada, e que conta co apoio da gran maioría dos sindicatos, de numerosos colectivos profesionais ou da Agamfec.
Polo exposto, o Grupo Municipal da Marea Atlántica propón ao Pleno do Concello a adopción dos seguintes acordos:
Primeiro.- O Pleno Municipal manifesta o seu apoio á folga convocado os días 9, 10 e 11 de abril pola Coordinadora Galega de Atención Primaria.
Segundo.- O Pleno Municipal insta á Xunta de Galicia a aumentar progresivamente o orzamento adicado á Atención Primaria, co obxectivo de acadar o 25% do orzamento total da Sanidade Pública, excluíndo o gasto farmacéutico, en catro anos.
Terceiro.- O Pleno Municipal insta á Xunta de Galicia á modificación das actuais EOXIs creando unha Xerencia de Atención Primaira con capacidade de planificación e xestión, con orzamentos e recursos humanos propios e que recupere as áreas sanitarias suprimidas.
Cuarto.- O Pleno Municipal insta á Xunta de Galicia a convocar todas as prazas necesarias en todas as categorías, non só estabilizando as prazas actuais que teñen contratos precarios, senón incorporando novas prazas co obxectivo de diminuír as ratios actuais de pacientes por profesionais.
Quinto.- O Pleno Municipal insta á Xunta de Galicia a rematar coa política de precariedade laboral de persoal e a modificar o modelo de contrato acordado na mesa sectorial denominado “Nomeamento Estatutario Eventual de Continuidade no ámbito do SERGAS”.
Sexto.- O Pleno Municipal insta á Xunta de Galicia a solucionar o actual conflito dos PACs garantindo unha prestación asistencial segura e de calidade tanto para pacientes como profesionais, apoiando as reivindicacións recollidas na súa convocatoria de folga.