Saltar ao contido

María García: “En plena pandemia, non se pode pretender que o regreso do alumnado sexa a custo cero. Teñen que escoitar as advertencias da comunidade educativa”

Solicitamos a convocatoria urxente da Comisión de Educación para que o concelleiro explique os seus plans sobre as actividades extraescolares e o inicio do curso

A Marea Atlántica quere trasladar o seu total apoio ás xornadas de folga e protesta convocadas polo profesorado en Galicia e reclamarlle, unha vez máis, tanto á Xunta como ao Concello da Coruña, que poñan recursos a disposición dos centros de ensino público para unha volta ás aulas en condicións seguras. “En plena pandemia, non se pode pretender que o regreso do alumnado sexa a custo cero. Teñen que atender as advertencias da comunidade educativa”, argumenta a nosa voceira, María García.

García sinala que “tras meses de negarse a escoitar, Feijóo improvisa agora cambios no protocolo de volta ás aulas para cumprir sobre o papel o acordo co Ministerio de Educación. Chegan tarde para ser aplicadas correctamente no inicio do curso, o 10 de setembro, e chegan sen recursos, deixando todo o traballo en mans do profesorado, alumnado e familias. Nin se contrata máis persoal docente e de servizos, nin se toman medidas para o cumprimento das novas normativas”.

Tamén se descoida a contratación de persoal de enfermería para os centros, unha recomendación das autoridades sanitarias que a Xunta ignora por completo. “Ao final, só os centros privados incorporarán as medidas necesarias mentres Feijóo desatende o ensino público, contribuíndo a espallar desigualdade”, di García.

O aumento da distancia de separación na aula a 1,5 metros fica en medida teórica se non se habilitan espazos para desdobrar as aulas cando sexa necesario, chegando incluso a rexeitar os ofrecementos dos concellos para ceder instalacións municipais. En canto á medida de dividir o inicio do curso en dous días, trátase dunha medida de dubidosa eficacia, e semella estar pensada só para dificultar a xornada de folga convocada polos sindicatos do ensino. Dous días de diferenza na volta ás aulas non parece que vaian ter un grande impacto nun alumnado que logo vai compartir espazo durante todos os meses do período lectivo.

Convocatoria da Comisión de Educación

No mes de xullo reclamámoslle á Concellería de Educación que se coordinase coa Xunta de Galicia para facilitar á volta ás aulas no segundo ciclo de Educación Infantil, así como en Primaria e Secundaria. Pero as declaracións públicas do concelleiro Jesús Celemín confirman que en todo o verán non tivo unha soa conversa co goberno galego. Na situación de risco sanitario que estamos a vivir, é unha actitude, cando menos, irresponsable. Asuntos tan importantes como as actividades extraescolares organizadas desde o Concello están no aire, pese a ser fundamentais para a conciliación de moitas familias.

Por este motivo, solicitarémoslle á presidenta da Comisión de Educación que convoque este organismo para que o concelleiro Jesús Celemín dea explicacións e informe sobre os seus plans para o inicio do curso, que polo momento son un misterio tanto para a oposición como para as ANPAS e centros de ensino.

O Concello ten competencias que debe exercer. É necesario ampliar o contrato de limpeza do Servizo Municipal de Educación para sumar unha limpadora por centro público na Coruña, un total de 28, e non se está a facer. Tampouco existen previsións de reforzar ou adaptar o traballo da Concellería á situación actual, nunha preocupante abandono de responsabilidades.

 

Asuntos pendentes nas Escolas Infantís Municipais

Lamentablemente, o goberno municipal da Coruña chega tamén ao inicio dos curso con asuntos pendentes nas Escolas Infantís Municipais. O 7 de setembro comezan as clases, que por primeira vez serán 100% gratuítas para todas as familias, e o Concello ten aínda pendente reforzar os servizos de limpeza, a pesar das advertencias das directoras dos centros e o grupo da Marea Atlántica.

A concelleira Silvia Cameán explica que “as EIM atópanse con novas esixencias sanitarias e de limpeza, derivadas da pandemia e do protocolo da Xunta de Galicia, pero non teñen recursos para afrontalas. O Concello debería ter xa en marcha unha contratación de urxencia para aumentar o persoal de limpeza e garantir o cumprimento das medidas de hixiene e desinfección. As EIM seguen agardando a que se faga”.

Ademais, Cameán sinala que as educadoras deben contar cos equipos de protección axeitados, un asunto que aínda non se coordinou coa comunidade educativa. “Outra cuestión que nos preocupa son os atrasos nos pagos ás concesionarias que poden ter importantes repercusións nas escolas infantís e nas súas traballadoras. É necesario que o goberno local axilice o máximo posible estes pagos”, engade a concelleira.

Apoiamos a folga do profesorado e reclamámoslle á Xunta e ao goberno municipal máis recursos para unha volta ás aulas segura